Pasar al contenido principal

Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química conmemoran a festividade de Santo Alberte Magno

Instantánea ‘Tensión e Impacto’, primeiro premio do certame 'A ciencia en imaxe'. FOTO: María del Pilar Vázquez Tato
Instantánea ‘Tensión e Impacto’, primeiro premio do certame 'A ciencia en imaxe'. FOTO: María del Pilar Vázquez Tato
No acto institucional entregáronse os premios ‘A Ciencia en Imaxe’ e foron recoñecidos catro relatorios da XV Xuntanza de Investigador@s Nov@s no ámbito da Química

As facultades de Ciencias da Universidade de Santiago -Matemáticas, Bioloxía, Física, Ciencias e Química- celebraron este xoves no edificio de Química a festividade do seu patrón, Santo Alberte Magno, cun acto académico presidido pola secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, que comezou coa conferencia ‘Das fronteiras das ciencias e da ciencia sen límites’, impartida pola profesora Marta Lores Aguín.

O decano da Facultade de Química, Jesús Sanmartín Matalobos, que interviu en nome de todos os centros de Ciencias, salientou no seu discurso a estreita colaboración existente entre as facultades de Bioloxía, Física, Química, Matemáticas e Ciencias, así como cos centros e institutos de investigación da USC, compartindo profesorado, estudantado e/ou persoal investigador. Así mesmo realizou unha reflexión sobre posibles usos fraudulentos da intelixencia artificial no eido universitario, contrapoñéndoos ao feito de que as posibilidades de avance que se abren co emprego da intelixencia artificial en distintos ámbitos son enormes e que poden ser usadas no beneficio común e individual.

‘A Ciencia en Imaxe’
Na xornada entregáronse os premios do concurso ‘A Ciencia en Imaxe’, organizado polas facultades de Ciencias da USC coa colaboración da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e ás mellores comunicacións nas categorías de mestrado e doutoramento presentadas na IV Xuntanza de Investigador@s Nov@s no ámbito da Química (XINQ_4).

A presidenta do xurado do certame de fotografía ‘A Ciencia en Imaxe’, María Carmen Yebra Biurrun, deu lectura da acta da reunión do xurado, que lle outorgou o primeiro premio a María del Pilar Vázquez Tato pola instantánea ‘Tensión e Impacto’ e o segundo premio a Sabela Álvarez Matilla pola imaxe ‘O Miño é de todos’.

A gañadora do primeiro premio, dotado con 200 euros, María del Pilar Vázquez Tato, é investigadora e docente da facultade de Ciencias do Campus de Lugo. Sobre a instantánea ‘Tensión e impacto’ explica que “a tensión superficial é unha propiedade físico-química na que, debido ás forzas de atracción entre as moléculas dun líquido, a superficie compórtase como se estivese recuberta dunha fina membrana elástica que resiste forzas externas. É unha propiedade moi importante, xa que esclarece moitos dos comportamentos dos líquidos e xustifica, por exemplo, que algúns insectos poidan pousarse na auga sen se afundiren, como é o caso da cabra cega. Cando un obxecto ou materia -nesta fotografía unha flor de camelia- choca coa superficie da auga, a forza de impacto é capaz de romper esa película, o cal permite que o obxecto se mergulle”.

O segundo galardón, dotado con 100 euros, recaeu en Sabela Álvarez Matilla, estudante do grao en Bioquímica da facultade de Ciencias do Campus de Lugo, pola imaxe titulada ‘O Miño é de todos’, que amosa unha arañeira sobre o río Miño.

O xurado, composto por un membro de cada unha das cinco facultades organizadoras, xunto a un membro da Real Academia Galega de Ciencias, valorou a orixinalidade das propostas presentadas ao certame. Tamén se tivo en conta a estética, a capacidade comunicativa, a calidade e a adecuación á temática do concurso.

XINQ_4
A continuación entregáronse os premios ás mellores comunicacións presentadas na XV Xuntanza de Investigador@s Nov@s no ámbito da Química (XINQ_4). Os recoñecementos para as mellores presentacións na categoría de mestrado foron para Laura Parada Pérez -por votación popular- e para David Montoto Pintos -por votación do comité científico-. Na categoría de doutoramento, Ana Seijas Cerceda recibiu o galardón da votación popular e Adrián Rivas Saborido o da votación do comité científico.
 

A secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, terceira pola esquerda, presidiu o acto institucional. FOTO: Santi Alvite
A secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, terceira pola esquerda, presidiu o acto institucional. FOTO: Santi Alvite
Instantánea ‘O Miño é de todos’, de Sabela Álvarez Matilla, segundo premio do certame 'A Ciencia en Imaxe'
Instantánea ‘O Miño é de todos’, de Sabela Álvarez Matilla, segundo premio do certame 'A Ciencia en Imaxe'
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.11.2024.