Pasar al contenido principal

Buscan sinerxías para mellorar a xestión e conservación da biodiversidade das praias

Píllaras das dunas. Foto: José Ramón Castro
Píllaras das dunas. Foto: José Ramón Castro
O POCTEP-IBERALEX, liderado pola USC, presta especial atención á problemática da Píllara das dunas, especie obxectivo deste proxecto

O proxecto europeo  POCTEP-IBERALEX, do que a Universidade de Santiago é beneficiaria principal, organiza o vindeiro 19 de novembro unha sesión especializada de traballo en xestión e conservación da biodiversidade do ecosistema praia. O evento busca fortalecer o coñecemento e a acción coordinada na protección das praias e a súa biodiversidade, con especial atención á problemática da Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), especie obxectivo deste proxecto.

Clave nos ecosistemas praias, a píllara das dunas é unha especie en perigo de extinción que o proxecto concibe como especie paraugas que simboliza o interese biolóxico deste espazo litoral. Iberalex propón así accións para a súa conservación buscando mellorar o seu estado sen comprometer os usos humanos recreativos e extractivos e adaptándose ao cambio climático e a erosión costeira.

Involucrar a sociedade
A xornada, a desenvolver na Cidade da Cultura, busca a posta en común de coñecementos e experiencias de persoal investigador e profesionais vinculados á xestión e coidado da biodiversidade do ecosistema praia, promovendo un espazo de intercambio de boas prácticas e a acción efectiva e coordinada na protección de hábitats e especies. O programa do encontro contempla ademais relatorios concretos sobre a problemática das mascotas nas praias, as algas de arribazón ou a conservación dos cordóns dunares.

Esta iniciativa incide tamén na importancia da colaboración entre a administración pública e o voluntariado, subliñando a necesidade de involucrar a sociedade na xestión sostible dos ecosistemas costeiros. Deste xeito, sensibilizar as persoas asistentes sobre a necesidade dunha estratexia integral de conservación, que contemple tanto a participación comunitaria como o respaldo técnico, é un dos eixos centrais do encontro.

Dirixido a profesionais e actores clave na xestión e protección do ecosistema praia, o vento pon o foco fundamentalmente en técnicos e axentes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e de corpos e forzas de Seguridade do Estado, en particular SEPRONA e Policía Autonómica, responsables de supervisar o cumprimento de normativas promulgadas para a protección da biodiversidade costeira.

Ten interese ademais para os técnicos e responsables municipais de concellos galegos con nidificación actual ou pasada de Píllara das dunas, profesionais do Servizo de Demarcación de Costas de Galicia e técnicos de Bandeira Azul así como participantes no voluntariado que xestiona o Servizo de Participación e Inclusión Universitaria da USC, que está adscrito ao proxecto IBERALEX. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.11.2024.