Pasar al contenido principal

Os Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño examinan a situación das humanidades e filosofía na actualidade

Os Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño examinan a situación das humanidades e filosofía na actualidade
Os Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño examinan a situación das humanidades e filosofía na actualidade

Nun tempo “no que están en tela de xuízo a Filosofía e as Humanidades aspiramos a reflexionar e valorar sobre a importancia destas dúas disciplinas para a formación das futuras xeracións”. O catedrático de Filosofía Marcelino Agís sintetizou nestas liñas o obxectivo dos XIV Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago presentados este martes na Facultade de Filosofía. Como explicou o profesor Marcelino Agís, estes encontros celebraranse entre os días 9 e 11 de novembro co lema ‘A filosofía hoxe: necesidade das humanidades na construción do mundo do futuro’. A Facultade de Filosofía acollerá as xornadas os días 9 e 10 mentres que o día 11 se trasladará á sede de AFundación na rúa do Vilar.

A Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA) organiza estes Encontros dedicados a reflexionar sobre a situación da Filosofía e as Humanidades nas sociedades actuais, a súa presenza e adecuación aos novos tempos, a súa necesidade e pertinencia. Tamén se abordarán, como explicou o seu coordinador o profesor da Facultade de Filosofía Marcelino Agís Villaverde, o desenvolvemento das humanidades na era dixital, a filosofía na ensinanza ou a situación da filosofía en Galicia.

Os Encontros de Filosofía celébranse con carácter bienal dende o ano 1993 o que ten posibilitado a participación no seus distintos programas de especialistas de máis de 65 universidades de todo o mundo ou a publicación, ata o momento, de doce libros de actas. Na edición deste ano presentarase o libro Identidade, Memoria e Historia, editado pola USC en 2016 e que recolle as actas dos duodécimos libros de actas.

Ademais, este ano os XIV Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago estrean o Premio Sapientia a unha vida de traballo e dedicación á Filosofía. Na súa primeira edición, o galardoado será o profesor Carlos Baliñas Fernández, pola súa dilatada traxectoria nesta área de coñecemento así como polo seu labor na fundación da actual Facultade de Filosofía. Ademais o docente será obxecto dunha homenaxe coa celebración o último día do programa dunha sesión específica dedicada á filosofía en Galicia.

Estudos xaponeses
Dentro da mesma programación dos Encontros, inclúese a celebración do I Simposio Internacional de Estudos Xaponeses, que se corresponden co panel III Filosofía e humanidades en Xapón, organizados pola Sociedade Galega de Estudos Nipóns que preside o profesor Marcelino Agís e cuxa vicepresidenta é Minako Takahashi, profesora do Centro de Linguas Modernas da USC. O obxectivo do simposio, como remarca a profesora Takahashi é compartir “a nosa paixón e espertar o interese polo estudos xaponeses en Galicia” contribuíndo paralelamente á súa difusión académica.

Os Encontro de Filosofía contan coa colaboración das vicerreitorías de Internacionalización e de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, así como da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Na presentación ademais de Marcelino Agís e Minako Takahashi tamén participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social Dolores Álvarez Pérez e a vicepresidenta da Sociedade Galega de Estudos Nipóns, a investigadora Alba Iglesias Varela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.11.2017.