Pasar al contenido principal

Odontoloxía acolle unha xornada para novos e futuros profesionais especializada en implantoloxía

A xornada ‘Implantoloxía para todos’ é unha iniciativa formativa que achegará a novos e futuros profesionais da implantoloxía odontolóxica os coñecementos necesarios para unha práctica clínica de calidade. Dirixida polos profesores Abel García García e Mario Pérez Sayáns coa colaboración de International Team for Implantology (ITI), celebrarase este venres 10 na Facultade de Medicina e Odontoloxía ao longo de todo o día coa participación de docentes deste centro así como de profesionais especializados neste ámbito.

O programa deseñado aborda a implantoloxía como un proceso integral, polo que as intervencións previstas prestarán atención a cuestións relacionadas coa planificación, o acto cirúrxico ou a solución e prevencións de complicacións, así como situacións de falta de dispoñibilidade de tecidos duros e brandos utilizando as novas tecnoloxías dixitais e 3D.

Programa
Logo da sesión introdutoria que realizará a profesora Mercedes Gallas Torreira, o doutor Manuel Somoza tratará as técnicas básicas de inserción de implantes e a doutora Dolores Reboiras a diagnose e plan de tratamento, mentres que Antonio Liñares referirase á toma de decisións en situacións de falta de óso. Na segunda parte da sesión matinal haberá oportunidade de referirse ao manexo de tecidos brandos en implantoloxía, a cargo de Santiago Mareque, e ás técnicas de elevación cerrada, cuestión que tratará Álvaro Colomer.

Pola tarde, a partir das 15.00 horas, o profesor Miguel Peñarrocha abrirá a quenda cun relatorio de posta ao día na abordaxe lateral do seno maxilar, dando paso á doutora Paula López para analizar as posibilidades do escáner intraoral. Deseguido, o doutor José Barreiro será o encargado de tratar a cirurxía guiada e a doutora Pilar Gándara a carga inmediata en implantes Straumann. Para rematar a xornada intervirán os directores do curso para analizar as complicacións en implantoloxía e as enfermidades periimplantarias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.11.2017.