Pasar al contenido principal

Expertos en Dereito Internacional abordan a situación en Palestina en relación co panorama político mundial

Persoas asistentes ao seminario. FOTO: Fundación Araguaney-Puente de Culturas
Persoas asistentes ao seminario. FOTO: Fundación Araguaney-Puente de Culturas
Puxeron de relevo que as violacións do Dereito Humanitario se intensificaron de maneira dramática desde a incursión palestina en Israel en outubro de 2023

A próxima chegada de Donald Trump á Casa Branca podería empeorar aínda máis a situación humanitaria en Gaza e no conxunto de Palestina, onde se rexistran continuas violacións do Dereito Internacional Humanitario, segundo puxeron de manifesto este venres varios expertos en Dereito Internacional no seminario ‘A cuestión palestina: unha mirada dende o Dereito Internacional’ que se desenvolveu na Facultade de Dereito.

O evento, organizado pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas e o Máster Universitario en Estudos Internacionais da USC, foi inaugurado polo coordinador do Máster, Miguel Arenas, e o director da Fundación, David Rodríguez, quen valorou positivamente a estreita colaboración que se mantén coa USC e asegurou que “os conflitos internacionais e, máis en particular, a situación que vive o pobo de Palestina é un tema ao que lle prestamos especial atención desde o nacemento da nosa organización e polo que temos traballado arreo para favorecer a súa visibilidade. Neste sentido, este seminario, cun enfoque claramente marcado desde o dereito internacional, amosábase moi necesario”.

Seguindo a actualidade do conflito, este mesmo xoves o Tribunal Penal Internacional emitiu ordes de arresto contra o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, e o ex-ministro de Defensa Yoav Gallant, o que converteu o seminario en especialmente oportuno. Para abordar a cuestión de maneira global, a sesión contou coa participación do codirector do Instituto de Estudos de Conflitos e Axuda Humanitaria (IECAH), Jesús Núñez Villaverde, quen sinalou que nun panorama internacional convulso, actualmente engádese a incógnita da volta de Donald Trump á Casa Branca, polo que o futuro en Palestina se torna “aínda un pouco máis escuro”. Tamén destacou que Israel segue adiante co masacre que ataca directamente a poboación civil, e pretende a anexión do territorio palestino. “Se Trump cumpre o seu anuncio de reforzar o apoio a Israel, o panorama será máis inquietante”, asegurou.

Problema de décadas
Pola súa banda, o profesor titular de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da USC, Julio Jorge Urbina, membro do Grupo en Estudos Internacionais (Gresin) da propia universidade santiaguesa, puxo de relevo as violacións das normas xurídicas internacional que se cometeron en Gaza a partir de outubro de 2023 e que deron lugar a que o Fiscal da Corte Penal Internacional ditara en 2024 varias ordes de arresto contra dirixentes de Israel e de Hamás por crimes de guerra e crimes contra a humanidade. Pero, neste punto, Urbina lembrou que estas violacións do DIH non comezaron en outubro de 2023, senón que se remontan ao inicio da ocupación israelí dos territorios palestinos, tal como recoñeceu a Corte Internacional de Xustiza en xullo de 2024.

“Estas violacións do DIH intensificáronse de maneira dramática desde a incursión palestina en Israel en outubro de 2023, na que os militantes de Hamás e outras organizacións fixeron obxecto dos seus ataques aos civís israelís. Desde entón, a resposta do goberno israelí incrementou os sufrimentos padecidos polos habitantes de Gaza con operacións militares sen ningunha vontade por limitar os seus efectos sobre os civís, con ataques directos contra hospitais, escolas, instalacións e persoal da Axencia de Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina (UNRWA) e outras organizacións humanitarias”, manifestou Urbina.

O profesor tamén indicou que estes ataques israelís perseguían a destrución de infraestruturas civís, agravando as condicións de vida da poboación, ademais de dirixir bombardeos indiscriminados ou ataques desproporcionados nos que a eliminación de supostos obxectivos militares se fai sen ter en conta os danos que carrexa para a poboación civil. “As consecuencias foron devastadoras sobre Gaza e a súa poboación e a situación viuse agravada polos obstáculos impostos polos israelís á chegada de axuda humanitaria, o que está causando unha verdadeira fame. Estes comportamentos incumpren gravemente os principios básicos do DIH (distinción, proporcionalidade e precaución), como a prohibición de causar fame como método de facer a guerra, e poden ser cualificados como crimes de guerra e contra a humanidade”, manifestou.

O coloquio rematou coa catedrática de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Málaga, Ana Salinas de Frías, que na súa conferencia achegou a súa experiencia como xuíza ad hoc en nome de España ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo desde 2019.

Colaboración
Esta é a segunda actividade sobre a análise do conflito en Palestina que organizan neste curso académico 2024/2025 a Fundación Araguaney-Puente de Culturas e a Universidade de Santiago baixo o protocolo de colaboración que asinaron as dúas entidades en xullo. A primeira foi a mesa redonda ‘Miradas Complementarias: unha análise multidisciplinar do conflito-israelí en Oriente Próximo’, que se desenvolveu na Facultade de Filosofía e na que se propuxeron debates sobre a situación en Palestina desde o punto de vista da historia, da filosofía, da ciencia política e da sociedade civil. As dúas accións encádranse no marco de traballo promovido pola Comisión para o desenvolvemento de accións a prol da comunidade universitaria de Palestina creada polo Consello de Goberno da USC.
 

Núñez, esquerda, Rodríguez, Arenas e Urbina. FOTO: Fundación Araguaney-Puente de Culturas
Núñez, esquerda, Rodríguez, Arenas e Urbina. FOTO: Fundación Araguaney-Puente de Culturas
Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.11.2024.