Pasar al contenido principal
  • USC

25 de novembro na BUSC

Ilustración de Jana Leo Uxoricidio 5I, cuberta do libro Mamá está muerta, pero la vamos a curar exposto na Biblioteca da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo
Ilustración de Jana Leo Uxoricidio 5I, cuberta do libro Mamá está muerta, pero la vamos a curar exposto na Biblioteca da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo
A BUSC súmase á conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller con actividades nos distintos puntos de servizo. Mostras bibliográficas, tanto dixitais como físicas, a exposición do libro da activista Jana Leo Mamá está muerta pero la vamos a curar, e a difusión entre as persoas usuarias de cuestionarios para rachar tópicos relacionados coa violencia de xénero, serán algunhas das propostas para este 25N

O vindeiro 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, a BUSC organiza diversas actividades nos seus puntos de servizo co obxectivo de visibilizar este tipo de violencia que, segundo ONU Mulleres, é a violación dos Dereitos Humanos máis estendida do mundo. 

Biblioteca Concepción Arenal
A biblioteca creou para este 25N unha mostra bibliográfica na que se poden atopar as principais novidades relacionadas coa violencia de xénero na práctica xurídica, xunto con outras obras de temática feminista. A exposición está situada no andar de acceso á biblioteca.

O centro de interese conta cunha versión dixital, onde se recolle o manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU). Ademais, púxose en marcha un concurso, no que respostando a unha serie de preguntas relacionadas coa celebración do 25N, as persoas usuarias poderán gañar unha camiseta. Para participar, pica neste enlace.

A mostra atópase no andar de acceso á biblioteca
A mostra atópase no andar de acceso á biblioteca

Biblioteca de Formación do Profesorado (Campus de Lugo)
Na Biblioteca da Facultade de Formación de Profesorado do Campus de Lugo está exposto  o libro da activista Jana Leo  Mamá está muerta pero la vamos a curar que ilustra e recolle os 132 asasinatos de mulleres vítimas de violencia de xénero na Comunidade de Madrid entre os anos 1999 e 2020.

Mediante códigos QR, proporciónase información sobre o proxecto desta creadora multimedia. As persoas visitantes poderán deixar comentarios sobre a obra, que se farán chegar á autora.

Biblioteca de Filosofía
Na biblioteca de Filosofía podes visitar a mostra "Cicatrices abertas: Reflexións sobre a violencia contra as mulleres nos últimos vinte anos” . Nesta mostra física achégase unha selección de monografías, que abordan a problemática da violencia contra as mulleres dende diferentes enfoques.  

Complétase cunha mostra virtual na que atoparás, ademais dunha reseña das monografías da mostra física, artigos en diferentes idiomas e filmes tanto internacionais como españois, que forman parte do noso catálogo. 

Cartaz da mostra "Cicatrices abertas: Reflexións sobre a violencia contra as mulleres nos últimos vinte anos"
Cartaz da mostra "Cicatrices abertas: Reflexións sobre a violencia contra as mulleres nos últimos vinte anos"

Biblioteca de Medicina
Con motivo do día 25 de novembro, a Biblioteca da Facultade de Medicina e odontoloxía e a Biblioteca da Facultade de Enfermaría presentan unha mostra bibliográfica dixital: O rol do persoal sanitario ante a violencia de xénero.

Nesta guía, abórdase o enfoque medicolegal da violencia exercida contra as mulleres, a formación do persoal sanitario e o os aspectos éticos e deontolóxicos relacionados co tratamento deste tipo de violencias.

Biblioteca Intercentros (Campus de Lugo)
A Biblioteca Intercentros súmase á conmemoración do 25 de novembro cunha acción para denunciar a violencia sistémica contra as mulleres. A actividade consiste na colocación nas columnas do vestíbulo de mans recortadas en cartolina negra, nas que se recollen distintos lemas e datos, co obxectivo de darlle visibilidade á violencia exercida contra as mulleres.

Os usuarios terán a súa disposición unha mesa con material necesario para que cada quen deixe a súa pegada contra as violencias. Esta acción ficará na biblioteca ata o vindeiro 10 de decembro. 

Acción realizada na biblioteca Intercentros de Lugo con motivo do 25N
Acción realizada na biblioteca Intercentros de Lugo con motivo do 25N

Biblioteca de Psicoloxía e Ciencias da Educación
A Biblioteca das facultades de Psicoloxía e Ciencias da Educación presenta unha mostra bibliográfica arredor da autora Marilar Aleixandre, con motivo da charla que impartirá polo 25N na Facultade de Ciencias da Educación: A violencia social: as malas mulleres. Esta mostra poderase ver na sala de lectura do punto de servizo da biblioteca no Campus Norte, e na vitrina da Facultade de Ciencias da Educación no Campus Vida.

A mostra poderase ver na sala de lectura do punto de servizo da biblioteca no Campus Norte, e na vitrina da Facultade de Ciencias da Educación no Campus Vida.
A mostra poderase ver na sala de lectura do punto de servizo da biblioteca no Campus Norte, e na vitrina da Facultade de Ciencias da Educación no Campus Vida.
Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.11.2024.