Pasar al contenido principal

A USC e a Universidade de Rio Verde estudan colaborar nos ámbitos do dereito, as ciencias agrarias e a medicina

A xuntanza tivo lugar no despacho do reitor en San Xerome (Foto: Servimav)
A xuntanza tivo lugar no despacho do reitor en San Xerome (Foto: Servimav)

O reitor Juan Viaño e a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, recibiron esta mañá unha comitiva da Universidade brasileira de Rio Verde (UniRV) encabezada polo reitor, Sebastião Lázaro Pereira, e o profesor Alexandre Avelino Giffoni.

A Universidade de Río Verde fundouse en 1973 e hoxe é unha das principais institucións de Ensino Superior do Estado de Goiás. Ademais do Campus Administrativo e o Campus Centro de Negocios, a UniRV está presente noutras cidades do Estado. O seu compromiso é o de producir, sistematizar e socializar coñecementos a través de programas de ensino, de investigación, de servizos, en especial a través da formación de profesionais capaces de interactuar de forma crítica, creativa e política, técnica e socialmente.

Na xuntanza en Compostela, a comitiva brasileira manifestou o seu interese de colaboración coa USC nos ámbitos do dereito, as ciencias agrarias e a medicina. Non en van, os 21 graos quer oferta a institución de Brasil pertencen ás áreas de Ciencias Humanas e Sociais, Ciencias Exactas e Enxeñarías, Ciencias Biolóxicas e da Saúde e Ciencias Agrarias.

Na área de posgrao a UniRV conta con cursos ‘Lato Sensu’ e o mestrado en Produción Vexetal implantado en 2004 e recomendado polo Capes/MEC, o primeiro ofertado por unha institución de nivel superior do interior de Goiás.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.11.2017.