A Olimpíada Matemática Galega 2019 dispútase este venres na USC
A Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela acolle este veres 18 a fase autonómica da LV Olimpíada Matemática Española. Esta é unha competición para o alumnado de bacharelato e nela selecciónanse as tres persoas que formarán o equipo olímpico que represente a Galicia na Fase Nacional, a celebrar do 21 ao 24 de marzo en Ourense. Están convocados 32 mozas e 75 mozos, dos 57 son da Coruña, 6 de Lugo, 9 de Ourense e 31 de Pontevedra.
As probas da Olimpíada Matemática Galega 2019 celebraranse ao longo deste venres en xornadas de mañá e tarde. Ás 10.00 horas está previsto un acto de recepción dos participantes por parte da decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, e seguidamente dará comezo a primeira sesión: tres horas e media para resolveren tres problemas. A segunda sesión comezará ás 16.00 horas, novamente cun período de tres horas e media para solucionar outros tres problemas.
A partir das 20.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, terá lugar o acto protocolario de entrega de premios, que contará coa presencia da decana da facultade, e do delegado do Reitor da USC para o Ensino Medio, o profesor Celso Rodríguez Fernández, así como do delegado para Galicia da Comisión de Olimpíadas da Real Sociedad Matemática Española, o profesor Felipe Gago Couso.