Pasar al contenido principal

Matemáticas reúne o persoal investigador novo da rede Española de Análise Xeométrica

O encontro desenvólvese en Matemáticas
O encontro desenvólvese en Matemáticas
A Rede, na que participan dez universidades, está coordinada pola USC

A Rede Española de Análise Xeométrica (REAG), coordinada pola Universidade de Santiago e financiada polo Ministerio de Economía e Competitividade, busca facilitar o intercambio de ideas e a transferencia de coñecemento entre os grupos españois de investigación que teñen a Análise Xeométrica como liña común de estudo. Con este fin, a Facultade de Matemáticas da USC acolle estes días o encontro de Persoal Investigador Xoven da Rede, no que participan máis de 20 investigadores e investigadoras de distintas universidades, e no que lles deu a benvida o catedrático de Xeometría e Topoloxía, Eduardo García Río, e a directora do CITMAga, Rosa Crujeiras.

A Análise Xeométrica ocúpase dos problemas nos que se unen a Xeometría Diferencial e as Ecuacións Diferenciais, pero ademais pola súa propia natureza tamén se interrelaciona tanto con outras ramas das matemáticas (Topoloxía, Análise, Variable complexa, Probabilidade...) que dalgún xeito se caracteriza máis polo modo de mirar os problemas que polos contidos.

Os problemas orixinais desta área adoitan vir da Xeometría riemanniana (intrínseca e extrínseca) e das súas relacións coa Topoloxía e a Análise, sendo estas un dos seus motores fundamentais. Como resultado recente más rechamante atópase a demostración da conxectura de Poincaré, usando o fluxo de Ricci, na que se pode observar a variada cantidade de materias utilizadas para a súa demostración: Ecuacións en Derivadas Parciais, Análise Funcional, Xeometría Riemanniana, e métrica en xeral, Topoloxía Alxebraica e Diferencial, entre outras.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.11.2024.