Pasar al contenido principal

A paisaxe, o patrimonio e a tradicion vitivinícola da Ribeira Sacra, a debate este mes nun foro estival da USC en Monforte de Lemos

Logo da Universidade de Verán 2017 da USC
Logo da Universidade de Verán 2017 da USC

‘A Ribeira Sacra: Paisaxe, patrimonio e terra de viños’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 26 ao 30 de xuño na Casa da Cultura de Monforte de Lemos. Estruturado en 35 horas lectivas e aberto á participación de todas as persoas interesadas na temática, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior do Campus Terra Ignacio J. Díaz-Maroto Hidalgo.

Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC e que conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Monforte de Lemos, pasa por afondar no coñecemento da Ribeira Sacra como terra cuxa historia remóntase a tempos inmemoriais e na que se conservan fondas tradicións ademais de insólitas paisaxes.

Descubrir o patrimonio que fala da profundidade da fe das comunidades monásticas que deixaron a pegada na Ribeira Sacra, coñecer a súa etnografía e a súas paisaxes únicas, e apreciar a cultura arredor do viño que ten nos socalcos a súa máxima expresión, constitúen outros dos cometidos específicos que buscan acadar os promotores deste seminario estival da USC.

Estruturado en relatorios e sesións lúdicas e formativas cunha orientación máis práctica, o director deste curso da Universidade de Verán 2017 convidou a participar como relatores no mesmo a profesionais, docentes e investigadores de recoñecido prestixio en diversas áreas do coñecemento, que abranguen desde a cultura tradicional ata a conservación, transformación e convivencia da paisaxe, patrimonio etnográfico e arqueolóxico, orixe e castas vitinícolas...

O curso inclúe ademais de táboas redondas unha visita didáctica pola Ribeira Sacra, así como a diversas adegas e a unha olería de Guindivós. As persoas que formalicen a sua matrícula neste curso poderán tamén participar nunha sesión de cata de viños das últimas anadas da D.O. Ribeira Sacra.

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 16 de xuño.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.06.2017.