Pasar al contenido principal

A catedrática María José Alonso ingresa na Academia Nacional de Farmacia e Bioquímica de Arxentina

María José Alonso
María José Alonso
O seu discurso xirou en torno á nanotecnoloxía farmacéutica como protagonista do paradigma das terapias avanzadas

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela, María José Alonso, ingresou este xoves como académica correspondente da Academia Nacional de Farmacia e Bioquímica de Arxentina, unha elección que supón para ela “unha grande honra que quero agradecer á Academia e a todas aquelas persoas que me apoiaron ao longo da miña carreira”.

Na cerimonia, celebrada en formato virtual e na que recibiu a distinción da presidenta da Academia, Virginia Martino, pronunciou o discurso de ingreso ‘A nanotecnoloxía farmacéutica como protagonista del paradigma de las terapias avanzadas’.

O ingreso na Academia arxentina é un novo recoñecemento á destacada traxectoria da profesora Alonso por parte de institucións científicas internacionais. Así, foi elixida en 2026 membro da Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos, un ano máis tarde do prestixioso College of Fellows do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE), do College of Fellows da Controlled Release Society en 2018  ou da Real Academia de Medicina de Bélxica en 2021. Pertence, ademais, á Real Academia Nacional de Farmacia, á Real Academia de Farmacia de Galicia e á Galega de Ciencias.

Longa traxectoria investigadora
María José Alonso, que foi entre 2006 e 201, vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, traballou como científica visitante nas Universidades de París XI, (1986-87) e de Angers (1989) e no MIT durante 1991-1992 e en 2012.

O seu laboratorio, pioneiro en España no ámbito da Nanotecnoloxía Farmacéutica, ten máis de 3 décadas de experiencia na formulación de fármacos biolóxicos e vacinas. Nas últimas dúas décadas destacou especialmente no desenvolvemento de candidatos a nanomedicamentos baseados en anticorpos monoclonais, así como de vacinas e terapias consistentes en RNA. O seu campo de aplicación vai desde as enfermidades infecciosas e autoinmunes ata o cancro e enfermidades neurodexenerativas.

Coordinou varios consorcios de investigación financiados pola OMS, a Fundación Gates e a Comisión Europea, e participou en 16 proxectos internacionais. Con máis de 310 publicación científicas, é a autora máis citada en España na área de Farmacia e Farmacoloxía (índice H 103) e estivo entre os ‘top ten’ en Farmacoloxía (ranking internacional Times Higher Education, 2010). Tamén figura na Power List dos investigadores máis influentes no campo da Biofarmacia (The Medicine Maker, 2020). Así mesmo, ten sido moi activa na transferencia de coñecemento á industria: é inventora de 22 familias de patentes, a maioría delas con licencia para a industria, e é parte de 2 start-up.

Traballou na Controlled Release Society (CRS), a sociedade científica líder no mundo en liberación controlada de fármacos e nanomedicina, que presidiu entre 2017 e 2019. Tamén é editora en xefe de Drug Delivery and Translational Research, a revista oficial da CRS, e forma parte do consello editorial doutras 12 revistas científicas.

Ten recibido numerosos premios, entre eles o Nacional de Investigación ‘Juan de la Cierva’, así como a ‘Medalla á Excelencia en Investigación e Educación’ outorgada polo Goberno de España, o Premio Jaime I ou a Medalla Castelao da Xunta de Galicia.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2024.