Pasar al contenido principal

O investigador Alejandro Ramos acada un dos premios de investigación SCIE-Fundación BBVA

Alejandro Ramos, no CiTius
Alejandro Ramos, no CiTius

O investigador posdoutoral do CiTIUS da USC Alejandro Ramos é un dos seis doutores distinguidos na I Edición dos Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España-Fundación BBVA. Dirixidos a doutores menores de 30 anos que desenvolveran a súa tese nunha universidade ou centro científico de España, os novos galardóns pretenden servir de estímulo ao seu labor e pór en valor «a súa creatividade, orixinalidade e excelencia».

Alejandro Ramos doutorouse en Tecnoloxías da Información o pasado mes de decembro, logo de defender con éxito a súa tese desenvolvida ao longo dos últimos anos no Grupo de Sistemas Intelixentes da USC. A principal contribución do traballo é que, por primeira vez, se aplicaron teorías de conxuntos borrosos ao ámbito das tecnoloxías de tradución automática de datos a texto (Data-To-Text technologies - D2T); un novo paradigma que ofreceu como resultado un sistema capaz de converter automaticamente a linguaxe natural os datos de carácter numérico-simbólico empregados por MeteoGalicia.

Así, a ferramenta GALiWeather –que acumula xa máis de 13 millóns de visitas online- ‘traduce’ diariamente a previsión meteorolóxica para os 314 municipios da comunidade dunha maneira flexible e precisa, atendendo aos matices de xeito moi semellante a como o faría un experto humano.

A tese supuxo tamén unha achega científica moi relevante no eido teórico, xa que por primeira vez propón a colaboración de dúas disciplinas que tradicionalmente non traballaran de maneira conxunta: a intelixencia computacional (máis concretamente, a lóxica borrosa) e a xeración de linguaxe natural (Natural Language Generation - NLG). «Teñen un potencial de relación que ata o de agora non se aproveitara», afirma Alejandro Ramos. O traballo abriu unha liña de colaboración internacional coa Universidade de Aberdeen (Escocia), á que se incorporará proximamente o Instituto de Lingüística da Universidade de Malta.

Ligazóns relacionados:

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.06.2017.