Pasar al contenido principal

Mónica Lalanda inaugura o luns en Medicina unha mostra cos seus debuxos

Cartaz da mostra
Cartaz da mostra

O claustro baixo da Facultade de Medicina acollerá a partir do luns 5 e ata o 30 de xuño a exposición ‘Mónica Lalanda: Ética médica a colores’. O acto inaugural terá lugar ás 19.oo horas e a el seguiralle na Sala de Graos da Facultade a presentación do seu libro en formato cómic, Con-Ciencia Médica, que recolle as láminas da mostra.

Con esta exposición, organizada polo decanato e promovida pola área de Psiquiatría, a Facultade de Medicina da USC quere chamar a atención sobre a importancia da ética médica e ao tempo apoiar as actividades que o Foro da Profesión Médica está realizando cara ao recoñecemento da Relación Médico-Paciente como patrimonio cultural da humanidade, en cuxo grupo de traballo participa un representante da Conferencia Nacional de Decanos de Facultades de Medicina de España.

O acto inaugural estará presidido polo vicerreitor de PDI, Luís Lima, que estará acompañado polo decano Juan Gestal; a xerente do CHUS, Eloina Núñez; o presidente do Colexio Oficial de Médicos, Luciano Vidan; o profesor Raimundo Mateos; e representantes dos Comités de Ética de Galicia e da EOXI de Santiago.

Mónica Lalanda
Mónica Lalanda é médico e comunicadora. Estudou a carreira na Universidade de Valladolid e logo marchou a Inglaterra, onde se formou como médico de Urxencias e comezou á vez no mundo da comunicación médica. Realizou estudos de debuxo en viñetas no London A1t College. Á súa volta a España, 16 anos máis tarde, o seu interese pola ética médica e a deontoloxía creceu, completando dous Másters nestes temas. Escribe regularmente no seu blog Medicoacuadros e colga os seus debuxos en monicalalanda.com para que calquera poida utilizalos.

As súas ilustracións, simples e moi coloridas, buscan a reflexión tanto do sanitario como do paciente. Cun trazo case infantil e cun certo parecido a Mafalda e os seus amigos, Mónica comparte as súas propias reivindicacións sobre cuestións de política de saúde, sanidade e, en xeral ética médica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.06.2017.