Pasar al contenido principal

O orzamento da USC para 2025 ascende a 328,34 millóns de euros, o maior da súa historia

O Consello de Goberno desenvolveuse no salón reitoral. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno desenvolveuse no salón reitoral. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno aprobou ademais na súa sesión deste venres a oferta de prazas de grao, mestrado e doutoramento para o curso 25/26. As contas para 2025, aprobadas por unanimidade, inclúen tamén os orzamentos dos entes instrumentais da USC cuxo importe ascenderá o vindeiro ano a 22,19 millóns de euros

Os orzamentos da USC para o vindeiro ano ascenderán a 328,34 millóns de euros, cifra que os sitúa como os maiores da historia da institución e que supoñen un incremento do 4,42% con respecto ao exercicio económico anterior. O Consello de Goberno aprobou por unanimidade as contas para 2025 que agora deberán ser aprobados definitivamente polo Consello Social. Estes orzamentos representan igualmente un incremento de arredor de 96 millóns de euros con respecto aos do ano 2018, primeiro exercicio económico do mandato de Antonio López como reitor da USC. Ademais, neste mesmo período a xestión económica desenvolvida permitiu reducir a débeda da institución de 26,6 millóns de euros (2018) a 9,46 millóns previstos para 2025.

No cómputo orzamentario tamén se inclúen as contas específicas dos entes instrumentais da USC, por un importe total de 22,19 millóns de euros (229.081,72 euros máis que en 2024). Conforman o conxunto destes entes a Fundación Universidade de Santiago de Compostela M.P., o Consorcio Interuniversitario do SUG, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, as fundacións Rof Codina e Dieta Atlántica e Cursos Internacionais.

As Contas -as últimas do actual equipo de goberno- artéllanse en base ás Liñas Xerais aprobadas recentemente no Claustro Universitario e buscan unha Universidade desburocratizada centrada no estudantado, máis sustentable, sostible e eficiente enerxeticamente. En esencia, ponse o foco na necesidade de consolidar as estruturas de investigación e a capacidade de captación de fondos ante a inminente finalización do programa NextGeneration. Así, propóñense accións que rematen o ciclo iniciado en 2019, especialmente no relacionado coa consolidación das políticas de axuda ao estudantado, a execución dos plans de persoal, a creación de estruturas de investigación, a plena integración en EUniWell, a consolidación do proceso de descentralización da investigación e a consolidación da colaboración institucional.

Algunhas das liñas clave sobre as que pivotan os orzamentos para o vindeiro ano xiran en torno á autosuficiencia e eficiencia, o que significa investir en enerxías renovables que permitan aforrar no capítulo II, xestionar a través da Fundación USC para xerar menor custo, aumentar a xeración de custos indirectos mediante a captación de recursos e incrementar os créditos matriculados en titulacións oficiais. A captación de estudantado é outro dos eixos, con especial atención á urxencia de vivenda e recursos habitacionais.

Oferta de prazas
O Consello de Goberno aprobou hoxe ademais a oferta de prazas de novo ingreso nos títulos de grao, mestrado e doutoramento da USC para o vindeiro curso 25/26. A oferta total de grao contempla 4.668 prazas e outras 136 para os programas de simultaneidade de graos. Ademais, a oferta en mestrados ascenderá a 1.859 prazas e en programas de doutoramento a 865.

Persoal
No ámbito da xestións de persoal nesta xuntanza aprobouse tamén o acordo para o desenvolvemento do proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal para Persoal, Técnico, de Xestión e de Administración e Servizo (PTXAS) e a oferta de prazas da convocatoria Ramón y Cajal 2024, cun total de 25 prazas, unha por cada unha das 19 áreas temáticas establecidas e unha segunda praza nas áreas que presentan un maior déficit docente estrutural: Ciencias Matemáticas; Tecnoloxías da Información e da Comunicación; Dereito; Mente, linguaxe e pensamento; Economía, e Ciencias Sociais.

Investigación
Aprobouse tamén a subscrición de dous convenios coa Fundación Instituto Madrileño de Estudos Avanzados en Nanociencia (IMDEA Nanociencia), un para establecer o marco de colaboración e outro específico para a adscrición parcial da catedrática María José Alonso Fernández á Fundación coa fin de participar en actividades de investigación, desenvolvemento e innovación. Ademais, deuse o visto bo ao recoñecemento do interese para a USC das actividades propostas pola profesora María del Carmen Giménez López e do profesor Martín Fañanás Mastral para prestar servizos no organismo público de investigación da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que serán contratados como persoal investigador distinguido dentro do programa Oportunius.

Outros asuntos
A modificación da Normativa de recoñecemento do complemento por méritos docentes (Quinquenios), os parámetros de ponderación de materias para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do SUG no curso 2026-2027 e cursos de estudos propios son outros asuntos que se abordaron na sesión.

Plan Estratéxico
O reitor tamén deu conta no seu informe do grao de cumprimento do Plan Estratéxico da USC 2024-2026, un seguimento que “coa máxima transparencia podemos ir facendo dende a propia web en base aos indicadores prefixados” e que reflicte uns resultados “moi positivos” de xeito que a día de hoxe se cumpren o 82% dos ODS e o 81,82 das liñas estratéxicas marcadas.

Aprobados
Os orzamentos da USC de 2025 foron aprobados o luns 30 de decembro na reunión do Consello Social da Universidade.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.01.2025.