Pasar al contenido principal

Fondo pesar na USC polo pasamento da profesora Concepción Cabrillana Leal

Sigilum da USC
Sigilum da USC
Era catedrática de Filoloxía Latina e especialista en Lingüística Latina, ademais de no estudo do humanismo latino renacentista

A USC manifesta o seu profundo pesar polo pasamento da profesora Concepción Cabrillana Leal, catedrática de Filoloxía Latina e docente do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana. A profesora Cabrillana posuía unha destacada traxectoria investigadora, especialmente no ámbito da Lingüística Latina, así como no estudo da comedia latina e o humanismo latino renacentista.

Dende a Facultade de Filoloxía destacan igualmente a súa fonda aflición e a sempre presente capacidade de traballo de Concepción Cabrillana, tanto na súa dedicación docente como no aspecto investigador. No apartado humano e persoal, "quen tivemos a fortuna de traballar con ela, coñecemos o seu talante de colaboración e servizo", engade nun comunicado a Facultade de Filoloxía, que se suma á dor da súa familia, persoas achegadas e amizades.

Está programado o seu velorio en Pompas Fúnebres da Coruña (praza Palloza, Sala 4), previo á celebración dunha cerimonia relixiosa este martes 28 ás 12.30 horas na Igrexa Parroquial de Santiago do Burgo.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.01.2025.