Pasar al contenido principal

345 estudantes participaron nas probas de selección para a 11ª promoción do proxecto ESTALMAT-Galicia 2017

Posando cos omnipoliedros (combinación dos 5 poliedros regulares) construidos pola décima promoción de Estalmat-Galicia nun campamento en setembro de 2016
Posando cos omnipoliedros (combinación dos 5 poliedros regulares) construidos pola décima promoción de Estalmat-Galicia nun campamento en setembro de 2016

Para celebrar os dez anos do proxecto Estalmat-Galicia, 345 estudantes de toda Galicia nacidos en 2004 e 2005 participaron este sábado nas probas de selección dos 25 estudantes da 11ª promoción do Proxecto ESTALMAT- Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas, no que é un novo récord de participación. Con este número de inscritos ESTALMAT-Galicia consolida a súa andaina dende 2007 e sobrepasa a media dos 5 últimos anos. Son así xa máis de 3.200 os alumnos que con 12 ou 13 anos teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos dez anos para facer a proba de selección. Deles, xa foron seleccionados 250 para participar no programa que identifica e estimula o talento matemático.
A proba, consistente na resolución de seis problemas, celebrouse na Facultade cunha duración de 2 horas e 30 minutos e mentres que os rapaces e rapazas a facían os familiares asistiron en Bioloxía a unha sesión informativa a cargo do presidente do proxecto e reitor da USC, Juan Viaño, e pola coordinadora xeral do mesmo, a tamén profesora do Departamento de Matemática Aplicada Elena Vázquez Cendón.

A organización da proba estivo coordinada por Elena Vázquez e contou coa colaboración das profesoras Marina Germiñas, Covadonga Rodríguez-Moldes, Pilar García Agra, Miriam Mosquera, Teresa Otero, Sandra Díaz, e dos profesores Enrique de la Torre, Victor Pollán, Gaspar Antelo, Julio Rodríguez, Ángel Rodríguez Arós, Andrés Prieto, Pablo González y Rafael Fernández e coa axuda do equipo técnico do proxecto Ana Paz e Manuel Porto.

Seleccionados
A lista alfabética dos 50 primeiros preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto (www.estalmatgalicia.com) a partir do 16 de xuño. Os primeiros 25 rapaces preseleccionados e os seus pais/nais/titores serán convocados a unha entrevista persoal, pois deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades, que terán lugar na Facultade de Matemáticas, en sesións de 3 horas, nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada ano), con posibilidade de continuar un curso mais, Estalmat Pi (12 sesións).

O equipo docente que atende aos estudantes seleccionados está formado por 50 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas.

Con esta iniciativa, trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade.

O Proxecto ESTALMAT-Galicia
O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico e económico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC), da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT, Proxecto FCT-16-11110), das Deputacións da Coruña e Lugo, ademais da infraestrutura e apoio xeral aportados pola Universidade de Santiago de Compostela, dun xeito especial pola Facultade de Matemáticas.

Entre as entidades colaboradoras están a Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA), a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO), a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e a Fundación USC Deportiva.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.06.2017.