Nace Albor Biotech, nova ‘spin-off’ da USC que exercerá de socio estratéxico no desenvolvemento de solucións para as patoloxías asociadas ao síndrome metabólico
Albor Biotech, con sede en Santiago de Compostela, é unha nova compañía do sector biotecnolóxico de Galicia. A spin-off da USC, xa constituída oficialmente, posicionarase como socia estratéxica no desenvolvemento de novas solucións terapéuticas. Especializada en servizos para a industria farmacéutica e biotecnolóxica, nace co respaldo da USC e a aposta económica dun grupo de inversores do ecosistema biotech de Galicia.
Albor Biotech estará enfocada nas fases iniciais do desenvolvemento e validación preclínica de solucións terapéuticas (CRO) dirixidas ao área do metabolismo. Ofrece unha gama de servizos avanzados deseñados ao longo de máis de 15 anos para apoiar as empresas farmacéuticas e biotecnolóxicas na área do síndrome metabólico e patoloxías asociadas, como a obesidade, a diabetes, a enfermidade do fígado graxo non alcohólico, a inflamación e o estrés oxidativo, entre outras. A nova biotech está especializada en estudos de metabolismo e farmacocinética preclínica, desenvolvemento e validación de modelos experimentais e avaliación toxicolóxica e de eficacia inicial de compostos, entre outras actividades.
A compañía está dirixida por Rubén Nogueiras Pozo, doutor en Bioloxía pola USC que lidera no CIMUS o grupo de Metabolismo Molecular, e por Uxía Fernández Paz, doutora en endocrinoloxía pola USC e especializada en metabolismo.
A nova spin-off xa completou na súa primeira fase de desenvolvemento una rolda de investimento de 115.000€ liderada por axentes inversores do ecosistema biotech de Galicia.