Pasar al contenido principal

A biblioteca do Seminario Galego de Educación para a Paz incorpórase aos fondos da USC

O reitor coñeceu hoxe unha escolma dos fondos doados á Biblioteca Universitaria. Foto: Santi Alvite
O reitor coñeceu hoxe unha escolma dos fondos doados á Biblioteca Universitaria. Foto: Santi Alvite
Son preto de 2.000 volumes editados no derradeiro cuarto de pasado século e na primeira década do actual

A biblioteca do Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP) formará parte dos fondos da Biblioteca Universitaria da USC logo de que os case 2.000 volumes, na súa inmensa maioría obra impresa, fosen doados á institución. A doazón presentouse este mércores en San Xerome nun acto no que participaron o reitor da USC, Antonio López; a directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal; e unha comitiva do SGEP encabezada polo seu presidente, Manuel Dios.

A biblioteca do Seminario Galego consta de aproximadamente uns 2.000 volumes de obras organizadas segundo categorías; na súa meirande parte monografías e folletos impresos editados no derradeiro cuarto de pasado século e na primeira década do actual. Os fondos cobren o amplo abanico de temas de interese para o Seminario, sendo especialmente relevantes os referidos a actualidade e teoría política, historia, narrativa, educación, pacifismo, dereitos humanos e mulleres. O fondo inclúe tamén números de revistas e algún material audiovisual

A USC, que agradeceu esta doazón pola relevancia, historia e traballo desenvolvido polo SGEP, custodiará a partir de agora estas obras, que virán a completar e enriquecer a colección da Biblioteca xeral da USC e da Biblioteca de Psicoloxía e CC. da Educación, onde estarán localizadas.

Seminario Galego de Educación para a Paz
O Seminario Galego de Educación para a Paz creouse en 1985 promovido por un grupo de profesionais dos distintos niveis do ensino sensibilizados diante da ausencia de materiais didácticos e reflexións teóricas sobre a educación para a paz en xeral e especificamente sobre os dereitos humanos, a tolerancia, a solidariedade, o ecopacifismo, a solución pacífica de conflitos, a interculturalidade ou a cultura de paz. O seu primeiro coordinador foi o profesor Calo Iglesias Díaz e, desde 1994, convertido xa nunha ONG, está presidido por Manuel Dios Diz. Forma parte da Coordinadora Galega de ONG’s para o Desenvolvemento e da Coordinadora Galega pola Paz.

O SGEP publicou numerosas unidades didácticas sobre a educación para a paz, libros sobre distintos aspectos teóricos e prácticos da cultura da paz e diverso material audiovisual. Con sede en Compostela, recibiu os premios Xustiza e Sociedade (1998), o León Felipe pola Paz (2000), o Mensaxeiro pola Paz da UNESCO (2000), o de promoción de condutas tolerantes da Consellería de Educación (2001) e o Premio Vagalume (2003) do concello compostelán.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.01.2025.