O Campus Terra da USC despide as novas promocións de mestres, enxeñeiros e veterinarios nun sábado académico
O Campus Terra da USC despide este sábado as novas promocións de titulados en Veterinaria, así como dos futuros mestres que completaron os seus estudos na Facultade Formación do Profesorado, e dos graduados e graduadas en Enxeñaría Civil, Xeomática e Topografía, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria egresados da Escola Politécnica Superior no marco dunha xornada de marcado carácter académico.
O reitor da USC, Juan Viaño, presidirá ás 11.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria, o acto de graduación da promoción 2012-2017 formada na Facultade de Veterinaria, no marco dunha sesión na que tamén participarán a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo e alumno da primeira promoción de egresados saídos do centro, Darío Campos. A vice decana de Calidade da Facultade de Veterinaria da USC, Patricia Fernández de Trocóniz; a delegada territorial de Medio Rural da Xunta de Galicia, Olga Iglesias; a presidenta do Colexio de Veterinarios de Lugo, Ana María López Pombo, e a profesora da USC Cristina Castillo, que actuará en calidade de madriña da promoción, completan a relación de relatores do acto.
A sesión comezará cun breve saúdo do reitor Juan Viaño, tralo que os estudantes Roxane e David presentarán e entregarán un agasallo á madriña da promoción, que logo dedicará unhas palabras aos 93 alumnos titulados. A entrega de becas e do Xuramento Médico Veterinario, un texto que lerá en voz alta Paula Otero Simón e que logo xurarán todos os egresados/as, precederá a intervención final das autoridades presentes nunha sesión, na que se agarda a presenza dun nutrido grupo de profesores do centro universitario lugués, ademais de familia e amizades dos novos titulados e tituladas.
Graos de Mestre en Educación Infantil e Educación Primaria
Os preto de 140 novos titulados e tituladas da cuarta promoción dos graos de Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria que completaron a súa respectiva titulación da Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC entre 2013 e 2017, celebrarán este sábado, ás 18.00 horas, o acto de graduación no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.
O reitor da USC, Juan Viaño, presidirá esta sesión, na que tamén intervirán o decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás; a vicedecana do devandito centro universitario lugués, Carmen Díaz Rodríguez, así como a secretaria do centro, Mar Viña Rouco. Os profesores Pablo García Marín e Rubén Navarro Patón apadriñarán, respectivamente, aos 72 novos graduados/as en Mestre en Educación Infantil e aos 66 estudantes do grado de Mestre en Educación Primaria que veñen de completar a súa titulación.
A sesión tamén contará coas intervencións dos estudantes Carla Pérez Cabanas e Jesús Comuñas Seoane, en representación da promoción de grao de Mestre en Educación Infantil, así como de María Silvia de Alburquerque Fernandes e Iago Castro Martínez, como representantes estudantís do grao de Mestre en Educación Primaria. A proxección de imaxes destas promocións e a entrega de diplomas aos titulados/as e aos padriños de cada unha das promocións de grao servirá de colofón do acto.
Acto de graduación novas promocións de enxeñeiros/as formados na EPS
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presidirá este sábado, a partir das 17.30 horas, nas instalacións do hotel Torre de Núñez, o acto de graduación das novas promocións de enxeñeiros/as formados na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, unha sesión que congregará aos máis 60 titulados/as en Enxeñaría Civil, Xeomática e Topografía, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria que veñen de completar a súa respectiva formación de grao na EPS.
O subdirector de Organización Académica e profesor na Escola Politécnica Superior da USC Alberte Castro Ponte actuará como padriño dos novos titulados no grao en Enxeñaría Civil, mentres que a delegada territorial en Galicia do Colexio Oficial en Enxeñaría Xeomática e Topográfica e profesora no centro universitario lugués, María José Iniesto apadriñará a nova promoción de grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía. Os profesores Pablo Vila Lameiro e Martín Barrasa Rioja, en calidade de padriños das novas promocións dos graos en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, respectivamente, completarán a quenda de intervencións nesta sesión de graduación, na que tamén tomarán a palabra representes estudantís de cada un dos graos, así como o director da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, Tomás Cuesta García.