Pasar al contenido principal

Un estudo sobre radon ocupacional evidencia a falta de percepción do risco que supón a exposición a este gas

Imaxe de arquivo dun detector de radon
Imaxe de arquivo dun detector de radon
A investigación realizada na USC por Lucía Martín de Bernardo Gisbert abarcou a análise de máis de 3.000 medicións en postos de traballo de múltiples sectores, situados por toda España
Santiago de Compostela

A análise de máis de 3.000 medicións de radon en espazos laborais de España, mostrou que o 20% dos postos de traballo excedían os 300 bequerelios por metro cúbico de aire, cifra límite segundo a nova regulación relativa á exposición das persoas traballadoras a este gas. O estudo, froito da tese de doutoramento de Lucía Martín de Bernardo Gisbert, abordou postos de traballo de múltiples sectores, situados por todo o Estado e, principalmente, en zonas prioritarias de radon. “A falta de percepción do risco que supón a exposición a radon foi a razón máis común para non mitigar”, sinala a investigadora. 

A exposición ao radon considérase o segundo factor de risco do cancro de pulmón despois do tabaquismo. O novo marco regulamentario sobre a exposición das persoas traballadoras ao radon introduce, por primeira vez en España, un nivel de referencia de 300 Bq/m3. Isto materialízase en que os e as empregadoras deben medir o radon en planta baixa e baixo rasante nas zonas prioritarias de radon, tendo que efectuar unha mitigación no caso de detectar un nivel superior a este límite. 

A investigadora do Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) e da área de Epidemioloxía e Saúde Pública, Lucía Martín de Bernardo Gisbert, levou a cabo un estudo pioneiro sobre o radon ocupacional do que resultaron novos datos sobre a porcentaxe de postos de traballo que superan o nivel de referencia, e os motivos polos que non se toman medidas para reducir os niveis excesivos deste gas.

Punto de partida 

En España e no resto do mundo, existe unha falta de evidencia respecto da mitigación de radon laboral. Estudos que cuantifiquen e caractericen a exposición laboral a radon en España como o que se levou a cabo neste estudo dirixido polos profesores da USC, Alberto Ruano Raviña e Mónica Pérez Ríos, poden servir como punto de partida para a aplicación da nova normativa.

Os principais obxectivos da investigación foron revisar e analizar a evidencia dispoñible sobre o impacto do radon na saúde das persoas, caracterizar a exposición ocupacional ao radon e a súa mitigación en España, e propoñer solucións para protexer as persoas traballadoras fronte a este carcinóxeno pulmonar. En plantas baixo rasante e en baixos, o 30 e 21% dos postos de traballo superaron os 300 Bq/m3 respectivamente. Con todo, as plantas superiores non estaban exentas de risco; en primeira e segunda planta e plantas superiores entre un 17% e un 18% excederon os 300 Bq/m3. En paralelo tamén se fixeron medicións en colexios de Galicia e Norte de Portugal. Os resultados das 416 medicións mostraron que unha de cada tres aulas excedía os 300 Bq/m3.

“Estes datos evidencian que a exposición ao radon no traballo non é algo específico de certas ocupacións como a minería ou os balnearios, senón que é un risco en calquera posto de traballo situado nunha zona prioritaria de radon”, explica a investigadora. Os resultados desta tese tamén evidencian que en España se desatendeu a mitigación de radon ocupacional, xa que case a metade das persoas empregadoras entrevistadas non tomaran ningunha acción de mitigación malia atopar concentracións de radon por enriba dos 300 Bq/m3. 

Tribunal e cualificación 

Un total de dez publicacións conforman esta tese por compendio de artigos aos que se suma,n dos produtos de difusión e transferencia de coñecemento, a concepción e organización do I Simposio Nacional sobre Radón Laboral (con financiamento competitivo do Consello de Seguridade Nuclear), e a ferramenta software RadonPro, unha propiedade intelectual rexistrada para o cálculo da dose efectiva acumulada en traballadores expostos ao radon.

O tribunal formado Inés Mato Naveira, subdirectora de Programas de control de riscos ambientais para a saúde da Consellaria de Sanidade; Virginia Calvo, oncóloga no Hospital Universitario Puerta de Hierro (Madrid); e Alcides Pereira, catedrático da Universidade de Coimbra cualificaron o traballo con cum laude e a Mención Internacional grazas á estadía na Universidade de Tampere (Finlandia) que cursou a investigadora coa axuda de mobilidade do CRETUS. 

A investigadora xunto aos directores da tese e integrantes do tribunal
A investigadora xunto aos directores da tese e integrantes do tribunal
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.02.2025.