Os efectos económicos, sociais, culturais e alimentarios do cambio climático, a debate nun curso de verán da USC
‘Cambio climático: Efectos socio-económicos, culturais e alimentarios’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá os días 13 e 14 de xullo na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria do Campus Terra. Estruturado en 15 horas lectivas e aberto á participación de todas as persoas interesadas pola temática, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido polos profesores Luis M. Botana e María Jesús Sainz Osés.
Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC e que conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, pasan por dar a coñecer e, se cabe, abrir un foro de debate e reflexión sobre os principais efectos do cambio climático no medio ambiente, en sectores importantes da economía (industria alimentaria, pesca, turismo, etc.), na seguridade alimentaria e na saúde humana e animal.
Estruturado en relatorios e sesións de debate, que se desenvolverán en quenda de mañá e tarde, os directores deste foro estival da USC convidaron a participar como relatores no mesmo a máis dunha ducia expertos de recoñecido prestixio que tratarán asuntos diversos que van desde o cambio climático antropoxénico e os seus impactos sobre o medio natural; a relación entre solo e cambio climático e a súa incidencia nos recursos pesqueiros; os efectos do cambio climático na viticultura, na produción de cereais e, por ende, na economía, no comercio e ata na planificación do turismo.
A relación entre micotoxinas e ficotoxinas e cambio climático centrará a temática dos dous primeiros relatorios da xornada de clausura deste foro estival da USC, no marco do que tamén se tratará a modificación ecolóxica das augas continentais ou do impacto do cambio climático sobre a seguridade alimentaria, comunidades microbianas, enfermidades de animais e mesmo sobre a saúde humana.
As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 30 de xuño.