Pasar al contenido principal

Unha investigadora de pedagoxía social reivindica a importancia da educación do ocio na “construción dunha sociedade máis xusta e equitativa”

Ángela L. de Valenzuela Bandín é investigadora do grupo de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea)
Ángela L. de Valenzuela Bandín é investigadora do grupo de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea)
Estudou as actividades de ocio máis frecuentes entre a mocidade vulnerable ou en situación de risco social

Partindo da idea de que o ocio é un ámbito de especial transcendencia para o desenvolvemento humano, a investigadora do grupo de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) Ángela L. de Valenzuela Bandín reivindica a necesidade dunha educación do ocio que “contribúa, en clave pedagóxica e social, á construción dunha sociedade máis xusta e equitativa, adoptando políticas e accións socioeducativas que poñan en valor os tempos de ocio como unha estratexia pedagóxica esencial para o desenvolvemento humano e a vida en comunidade”.

A doutora de Valenzuela Bandín destaca a importancia deste ámbito para a “participación activa e o empoderamento da mocidade, especialmente aquelas persoas cuxa traxectoria biográfica se caracteriza por carencias e dificultades sinaladas pola exclusión, a vulnerabilidade e a marxinación social”. Neste senso, estudou os tempos de lecer de mozos e mozas en situación de vulnerabilidade, dificultade, exclusión e/ou risco social, concretamente das persoas tuteladas ou ex tuteladas. Para o estudo contou cunha mostra que conformaban 149 mozos e mozas en situación de dificultade social, cunha media de idade de 18,8 anos, quen viven nas comunidade autónomas de Cataluña, Galicia e Madrid -comparando nalgún caso con datos relativos a mozos/as que viven coas súas familias en condicións de convencionalidade- e de 15 educadores/as sociais e persoal investigador.

Os resultados do estudo que conforman a tese de doutoramento de de Valenzuela Bandín, cualificada sobresaliente cum laude, sinalan que este colectivo ocupa fundamentalmente o seu tempo libre en actividades físico-deportivas; estar coa familia, parella ou amizades; así como na realización de prácticas culturais ou hobbies, maioritariamente. Algo máis da metade apuntan a falta de tempo e de recursos como os dous motivos polos que xeralmente non realizan todas as actividades que lles gustaría. Como recolle a investigadora, as persoas consultadas identifican practicamente de xeito maioritario o tempo libre como unha forma de benestar persoal e como “tempo liberado, non condicionado”.

Os mozos e mozas que cumprimentaron a enquisa sobre a que se basean estes resultados afirman que estas prácticas permítenlle gozar, divertirse, sentir unha maior satisfacción persoal, deixar de lado as preocupacións, adquirir coñecementos ou favorecer as súas relacións sociais e a súa pertenza ao grupo. En xeral “soen asociar este tempo co benestar persoal e a sensación de liberdade” , aclara a doutora de Valenzuela Bandín. En canto á súa condición de tutelados e ex tutelados, “ aproximadamente a metade consideran que vivir nun recurso residencial inflúe nos seus tempos de ocio en comparación con outras persoas da súa idade”. As principais diferenzas neste senso serían “ os horarios, ter un maior control, respectar as normas e gozar de menos liberdade”.

A investigadora tamén achega unha serie de propostas e experiencias a modo de accións alternativas no eido da educación do ocio xuvenil entre as que inclúen programas de Mentoría, consellos consultivos liderados por mozos e mozas ou lonjas juveniles, entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.01.2019.