Pasar al contenido principal

Ricardo III, o litoral e o radon centrarán a primeira Nerd Nite do ano

Imaxe do cartel de marzo
Imaxe do cartel de marzo
Cristina Mourón Figueroa, Alejandro Gómez Pazo e Sylvana Varela Ballesta intervirán na sesión que se desenvolverá o 6 de marzo na Nave de Vidán

A primeira Nerd Nite do ano 2025 terá lugar o vindeiro 6 de marzo, a partir das 20.00 horas, na Nave de Vidán. As persoas relatoras serán Cristina Mourón Figueroa, profesora do departamento de Filoloxía Inglesa da USC; Alejandro Gómez Pazo, doutor pola Universidade de Santiago de Compostela e pertencente ao departamento de Xeografía e Xeoloxía da Universidade de León; e Sylvana Varela Ballesta, directora científica da spin off da USC Ventilatio Lab.

A charla da profesora Mourón Figueroa, pertencente ao grupo Discurso e Identidade, levará por título ‘Dun cabalo a unha praza de aparcamento: Ricardo III, o rei do parking’. Pola súa parte, Gómez Pazo, quen xa abordou durante a súa etapa na USC a xeomorfoloxía costeira, pronunciará o relatorio ‘Unha cantiga polar: cando o litoral recúa e non é pola lúa’. Finalmente, Varela Ballesta profundará no radon ‘o gas ninja que se esconde no teu soto’.

Nerd Nites
As Nerd Nites, organizadas polo catedrático da USC Jorge Mira Pérez, son conversas divulgativas nas que especialistas de diferentes ámbitos dialogan co público das disciplinas que os apaixonan fóra do ámbito académico, nun ton distendido e en horario nocturno. As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo.
 

Cartel da nerdNite de marzo
Cartel da nerdNite de marzo
Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.02.2025.