Pasar al contenido principal

Xornada de portas abertas en Matemáticas para coñecer o ITMATI

Este instituto captou durante o pasado ano 1,1 millóns de euros por contratos e proxectos competitivos

A ‘Xornada de Portas Abertas: Coñece o ITMATI’ celebrouse este venres na Facultade de Matemáticas e nas instalacións do propio centro con notable éxito de participación. No encontro ofreceuse a presentación dos resultados anuais do centro recollidos na memoria 2016, ademais dun percorrido polos casos de éxito máis destacados. Foi un evento dirixido á sociedade en xeral, a empresas, entorno académico, alumnado de grao de matemáticas, físicas, enxeñarías ou doutras titulacións do eido das ciencias aplicadas.

A directora do ITMATI e catedrática de Matemática Aplicada da USC, Peregrina Quintela Estévez, foi a encargada de presentar a memoria de actividades correspondente ao ano pasado. Vistos os indicadores no seu conxunto, destacou que “o ITMATI é xa un centro maduro e, a medio prazo, consolidará o seu presuposto co financiamento privado, captado a través de contratos de transferencia con empresas e institucións, e de proxectos competitivos”. Unha maior proxección internacional do centro e o incremento da clientela no sector privado dan conta da “madurez” do ITMATI que, con tan só catro anos de vida, foi quen de gañar a confianza do empresariado galego, nacional e internacional.

Ingresos
En relación aos ingresos, estes aumentaron un 2,75 por cento: pasaron de 1.087.372,89€ en 2015 a 1.117.288,40€ o ano pasado. Desta cifra, o 89,55% foi captada a través de contratos ou proxectos competitivos de I+D de transferencia, levados a cabo con empresas, centros tecnolóxicos e institucións. Os ingresos restantes proceden das tres universidades galegas (0,72% do total) e dun convenio de colaboración co Ministerio de Defensa e outro coa Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (a suma de ambos representan o 9,73% dos ingresos totais).

Unidade de xestión de Transferencia
Segundo consta na memoria, durante o pasado exercicio púxose en marcha a Unidade de xestión de Transferencia (UxT), ao abeiro dun convenio asinado coa Secretaría Xeral de Universidades. Incorporáronse a esa unidade dous xestores de transferencia de tecnoloxía e innovación e dous xestores de transferencia e tradutores de tecnoloxía nos eidos de Simulación e Big Data. O obxectivo final da unidade é que o ITMATI consolide finalmente a súa actividade de transferencia da ciencia e da tecnoloxía matemática á industria, cunha estrutura adaptada ás necesidades do tecido industrial, para incrementar así o número de colaboracións e proxectos a desenvolver, e poñer en valor o coñecemento científico no campo da matemática industrial existente nas tres universidades galegas.

Internacionalización
A internacionalización é, para a dirección do ITMATI, “unha actividade imprescindible para lograr un Instituto que se sustente por si mesmo e avanzar como centro de referencia internacional”. Como socio institucional da Rede Española Matemática Industria (math-in), que participa na European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation, o centro está presente no panorama europeo participando nas iniciativas levadas a cabo por esa rede. Concretamente, no ano 2016 o ITMATI participou en tres iniciativas propostas por EU-MATHS-IN.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.05.2017.