Pasar al contenido principal

‘Ciencia para xoves investigadores’ inicia na experimentación a estudantes de cuarto de Eso no Ies A Pinguela de Monforte

Alumado do Ies A Pinguela, nos laboratorios da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC
Alumado do Ies A Pinguela, nos laboratorios da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC
Alumnado do Ies Leiras Pulpeiro, CPI de Castroverde, CPR La Inmaculada-Maristas e Colexio Divino Maestro, visitarán do 22 ao 25 os laboratorios da Facultade de Ciencias

O ciclo ‘Ciencias para xoves investigadores’, un programa de estímulo de novas vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado por docentes, investigadores e demais persoal da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC permitiu este venres que alumnos de último curso de Eso no Ies A Pinguela de Monforte de Lemos se achegaran ao mundo da experimentación a través do desenvolvemento de diferentes experiencias prácticas en laboratorio.

O decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, deu a benvida á delegación estudantil nun breve acto de acollida, no marco do que os coordinadores dos títulos de grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética, os profesores Gerardo Pereira e Jesús Casabiell, fixeron unha breve presentación destes itinerarios formativos, ao tempo que explicaron as distintas vías de inserción laboral ás que dan acceso estes títulos universitarios.

Dacordo co programa que rexe o desenvolvemento destas o alumnado do Ies A Pinguela comezou a súa inmersión no mundo da experimentación coa vestimenta dos equipos de protección individual (Epi). Logo, distribuídos en grupos e acompañados por diversos profesores, os futuros investigadores tiveron a oportunidade de coñecer os traballos e procesos que se desenvolven nos laboratorios a través de vistosas actividades práticas.

O ciclo ‘Ciencias para xoves investigadores’, no que este ano está prevista a participación de arredor de 500 escolares procedentes de máis dunha ducia de centros educativos da provincia de Lugo, terá continuidade ao longo da próxima semana. De feito, este programa de visitas aos laboratorios da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC terá continuidade do 22 ao 25 de maio con alumnado do Ies Leiras Pulpeiro de Lugo, así como do CPI de Castroverde, o Colexio Marista La Inmaculada e Colexio Divino Maestro, tamén emprazados na capital luguesa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.05.2017.