Pasar al contenido principal

Xornada polo Día Mundial do Párkinson

A xornada será no CiMUS. Foto: Santi Alvite
A xornada será no CiMUS. Foto: Santi Alvite

En Galicia hai máis de 13.000 familias afectadas polo párkinson, unha enfermidade con moitas máis aristas que os coñecidos tremores. O diagnóstico non é inmediato, senón que adoita chegar cun retraso de entre un e tres anos desde que aparecen os primeiros síntomas. A prevalencia desta patoloxía duplicouse nos últimos 25 anos e está previsto que mesmo se poida triplicar nas próximas décadas, debido en boa medida ao envellecemento da poboación.

Con motivo do Día Mundial do Párkinson, o 9 de abril terá lugar una xornada no CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), coa participación de diversas asociacións de doentes con párkinson de Galicia, co obxectivo de fortalecer a colaboración entre a investigación biomédica e a experiencia de quen conviven coa enfermidade. Desde o CiMUS lembran que os doentes e as súas familias deben estar no foco de todos os programas de investigación que se desenvolven “desde o minuto 1 do deseño de proxectos, escoitándoos e tentando dar resposta efectiva en canto a diagnóstico, tratamentos e mellora xeral da calidade de vida”. 

A xornada comeza ás 16:30 horas coa benvida institucional a cargo da dirección do CiMUS. A continuación, o Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson da USC liderado polo profesor José Luis Labandeira García presentará as súas principais liñas de traballo. Cunha traxectoria de máis de 20 anos en investigación básica e translacional, este grupo consolidouse como un referente no estudo dos mecanismos celulares e moleculares implicados na enfermidade.

Na mesa redonda, ás 19.15 horas, titulada ‘Diálogo necesario: centros de investigación e asociacións de doentes fronte ao párkinson’ participarán Marcos Moure, director de ACEM; Mila Oreiro, directora da Asociación Párkinson Galicia-Coruña; María José Alonso, vogal da xunta directiva de Párkinson Vigo e tamén paciente; e Benito Rey, ex presidente da Asociación de Párkinson Ferrol-Ferrolterra. Outro momento destacado será a presentación do libro OFF ON. A miña loita contra o párkinson, de Alfonso Ávila Ribadas, ás 18:45 horas, e a charla Hábitos saudables para as persoas con párkinson pola doutora do CHUO Carmen Labandeira Guerra.

Cartel do evento
Cartel do evento
Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.04.2025.