Mención de Excelencia para o mestrado en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable

O Mestrado en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable (MERYCSE) da USC acadou a mención de excelencia que concede a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidade e Formación profesional. Esta mención reforza a presenza da USC como institución de referencia no ámbito internacional no proceso de transición ecolóxica que está a abordar a sociedade actual.
Para o seu coordinador, o profesor Antonio García Loureiro, esta mención é unha demostración “do compromiso da USC coa formación de profesionais altamente cualificados e recoñecidos, e unha demostración do bo facer e a colaboración entre institucións e o tecido empresarial”. O recoñecemento, asegura ademais, “axudaranos a afianzarnos como referente internacional no campo da transición ecolóxica e dános o empurrón que necesitabamos para visualizar o noso compromiso coa sociedade galega e co sector empresarial”.
O coordinador do MERYCSE quere compartir esta mención co equipo docente involucrado, co estudantado “e por suposto coas empresas e institucións colaboradoras, porque grazas á súa participación foi posible alcanzar este recoñecemento”.