Pasar al contenido principal

A décima edición do Pint of Science chega a Lugo e Compostela do 19 ao 21 de maio

Detalle do cartel do X Pint of Science
Detalle do cartel do X Pint of Science
Este festival de divulgación científica ten como obxectivo comunicar a ciencia dunha maneira interesante, atractiva e accesible para o conxunto da cidadanía

A ciencia volve espallarse polas cidades de Lugo e Santiago de Compostela grazas a unha nova edición do Pint of Science, un festival de divulgación científica que ten como obxectivo comunicar ao público os avances neste eido dunha maneira interesante e atractiva, levando a especialistas vinculados á USC aos bares e a outros lugares accesibles para o conxunto da cidadanía. O festival que chega este ano á súa décima edición desenvólvese os días 19, 20 e 21 de maio, a partir das 18.00 horas en Lugo e das 18.30 horas, en Compostela. A entrada é libre e gratuíta para todos os públicos.

Lugo

Na cidade de Lugo, o Mesón do Forno (Rúa Río Ser, 12) acolle o luns 19 os relatorios de Rosario Panadero Fontán, Ana Isabel Barreiro Buján e Ana Isabel García Arias, que levarán por título, respectivamente, ‘Que narices pasa co verme das narices?’, ‘Contaminación por antibióticos en solos agrícolas’ e ‘O custe das especies invasoras: a vespa velutina’.

Xa o martes 20, no Santeiro’s Terraza (Rúa Santiago, 214), será a quenda de Isidoro Rodríguez Pérez, Ignacio López López e Claudio Rodríguez Fer, que abordarán a figura de Elvira López Mourín, por que se fala tanto da superliga de fútbol e a poesía como coñecemento revolucionario integral.

‘Os que nos rouban o alimento: tomates e pementos’ será o título da charla que Javier Veloso Freire impartirá no Ho! Gruf (Praza do Campo Castelo, 30) o mércores 21. Na mesma sesión, intervirá Ana Cabana Iglesia para lanzar a pregunta ‘En caso de incendio... importa ser muller?’. A todos estes especialistas da USC súmase Laura Fernández de Uña, da Universidade de Vigo, para profundar nos bosques e na seca.

Santiago

No Pint os Science compostelán, todos os relatorios se desenvolverán no Café Alborada de Veiga (Praza de Pascual Veiga, 4). O día 19, Francisco Javier Cardama Santiago abordará a revolución computacional, David Moreira Álvarez profundará nas neuroesferas en preclínica do cancro, mentres que Zulema Varela Río amosará como árbores, musgos ou plumas de aves poden revelar os niveis de contaminación ambiental dunha cidade. A sesión pecharaa Francisco Yáñez Rodríguez para tratar a maxia da física.

Antía Lestido Cardama pronunciará a charla ‘Seguridade alimentaria ao descuberto’ o martes 20. A seguir, Dolores Vilavedra falará de literatura e memoria en interacción dinámica, mentres que Julio Corredoira Vázquez disertará sobre lantanoides. Finalmente, ‘Co corazón ou co cerebro? Depende (da fala)’ será o título do relatorio de Marcos Díaz Lago.

Para pechar o festival compostelán, o 21 de maio, Inés Ardao Palacios abordará a orixe dos novos fármacos, mentres que Ángela Arnosa Prieto trazará unha breve historia dos nanomateriais. Jaime Almansa Sánchez pronunciará, pola súa parte, o relatorio ‘Buscar tesouros e facer amigos, pero sen espoliar!’, mentres que Jorge Mira Pérez baixará o pano desta décima edición do Festival coa charla ‘Perseguindo o último solpor da Europa continental’. Ademais, o Pint of Science incluirá o podcast en directo ‘Liadas pardas’, presentado por Juan Arias e Manuel Vicente.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.05.2025.