A primeira Regueifa de Ciencia internacional debate sobre ciencia e inmortalidade
Tras o éxito da primeira edición, que reuniu preto de 1.500 persoas nos eventos en vivo, e de mostrar a mesma tendencia nesta edición de 2017, Regueifas de Ciencia afronta a recta final desta tempada cunha nova cita para o próximo martes 7 de novembro. Nesta ocasión o debate, que será retransmitido en streaming, xirará en torno a se a ciencia debería axudarnos a vivir para sempre.
Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e conta con financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), pertencente ao Ministerio de Economía e Competitividade. Nas súas dúas edicións pasaron pola USC destacadas personalidades para debater sobre transxénicos, seguridade e privacidade dixital, o cambio de fuso horario para España, a relación entre a alimentación e a industria, a experimentación animal e a compatibilidade entre ciencia e fe. Entre eles e elas, Jorge Mira, JM Mulet, Antonio Martínez Ron, Fernando Savater, Fernando Sánchez Dragó ou Marta Peirano.
A do 7 de novembro, ás 20.00 horas en Ciencias da Comunicación, é a primeira ‘regueifa’ de carácter internacional, de maneira que a xornada se desenvolverá en español e en inglés, con sistema de tradución simultánea a disposición de quen o desexe. Esta sesión está patrocinada por Portomédica.
O tema de debate
Os continuos avances no coñecemento da biomedicina e a tecnoloxía achegan cada vez máis a posibilidade de alongar radicalmente a vida humana. Ante isto existen diferentes enfoques e perspectivas. Desde unha corrente que afirma que falta pouco para que vivamos 1.000 anos e que a orixe de todas as enfermidades está no envellecemento, ata científicos que consideran que, como mínimo, é pouco realista afirmar que viviremos tanto ou que alcanzaremos a inmortalidade. Tamén hai quen opina que se ben é obvio que hai que tratar as enfermidades para mellorar a calidade de vida das persoas e evitar mortes prematuras, non é moralmente aceptable cambiar a nosa natureza tan radicalmente e achegarnos á inmortalidade. Outras voces formulan os retos que suporía o aumento extremo da esperanza de vida nos ámbitos social, demográfico e económico.
Os relatores
O debate será tipo ‘Oxford’, o que implica que participarán dous equipos de dúas persoas, un moderador e tempos pautados para cada intervención (intervencións, réplicas e contrarréplicas). Haberá tamén ao final unha quenda de preguntas para o público.
Defendendo que a ciencia debe axudar a vivir para sempre intervirán o inmunólogo profesor de investigación do CSIC CNB (CSIC_UAM) Carlos Martínez Alonso, e o xerontólogo da Fundación SENS Aubrey de Grey . Enfronte tenán ao profesor de Filosofía do Dereito da Universidade de Valencia Vicente Bellver Capella, e ao profesor de Bioxerontoloxía da Universidade de Brighton Richard Faragher .
Votación electrónica
Outro dos aspectos innovadores de Regueifas de Ciencia é que o público pode opinar. Antes de comezar co debate, pregúntaselle con cal das dúas posturas está de acordo a través dunha votación electrónica da que non se publica o resultado. Ao remate, o moderador repetirá a pregunta, o público volverá responder e esta vez si se publicarán os resultados, do antes e do despois, para poder comprobar a capacidade de persuasión e argumentación científica dos relatores.