Pasar al contenido principal

Boas prácticas para un turismo sustentable en Santiago de Compostela

13.06.2025 | 09.30h
Facultade de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Grupo de Investigación ANTE – Análise Territorial da USC organizan, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, unha xornada científica centrada na análise de boas prácticas en materia de turismo sustentable. A sesión terá lugar o vindeiro 13 de xuño, de 9.30 a 14.00 horas, no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. A entrada será libre ata completar a capacidade do espazo e no acto inaugural participarán o catedrático da USC, Rubén Lois, e a alcadesa de Santiago, Goretti Sanmartín. 

Este é o segundo encontro destas características que a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello convocan nos últimos meses, tras o desenvolvido en xaneiro, no marco do Pacto Local polo Turismo Sostible que ambas as institucións están a trazar. Trátase dun proxecto incluído no Plan de Sustentabilidade Turística que o consistorio leva adiante en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria e Turismo.

Adolf Fernández, do Ajuntament de Barcelona, presentará os protocolos que se puxeron en marcha na capital catalá en relación ás Vivendas de Uso Turístico (VUT), tanto no que respecta á planificación como á xestión e á inspección, incidindo nos resultados e as limitacións. Pola súa banda, Consuelo Navalón, da Universitat d’Alacant, introducirá as persoas asistentes nas boas prácticas desenvolvidas en destinos urbanos maduros da Comunitat Valenciana.

Jesús M. González Pérez, da Universitat de les Illes Balears, fará a continuación unha contextualización da sobresaturación turística nos centros históricos de Palma e Eivissa e presentará iniciativas que se están a implementar en canto á limitación da entrada de vehículos e a mitigación do problema da oferta ilegal de vivendas vacacionais. Logo dunha pausa, Belén Pérez, procedente da Universidad de Granada, debullará as metodoloxías participativas que se activaron con residentes, comerciantes e turistas en diversos barrios da Alhambra.

Finalmente, César Mosquera do Concello de Pontevedra, reflexionará sobre o modelo urbano da súa cidade e a relación entre mobilidade, espazo público e xestión de fluxos turísticos. A xornada completarase cun coloquio dunha hora de duración no que as persoas convidadas responderán aos desafíos específicos que atravesa a xestión do turismo na capital de Galicia. 

Cartel do evento
Cartel do evento
Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.06.2025.