Pasar al contenido principal

As ‘Lecturas poéticas en Fonseca’ homenaxean este mércores a Fran Cortegoso

As ‘Lecturas poéticas en Fonseca’ homenaxean este mércores a Fran Cortegoso
As ‘Lecturas poéticas en Fonseca’ homenaxean este mércores a Fran Cortegoso
Teresa Moure, Carlos Quiroga, Laura Camino, Gisella Costas, José Carlos Cómitre, Olalla Cociña e Antón Lopo, as voces que participarán

Para conmemorar o Mes das Letras Galegas, a Facultade de Filoloxía da USC organiza a II edición das Lecturas poéticas en Fonseca que nesta ocasión renderán homenaxe ao poeta falecido hai menos dun ano Fran Cortegoso, que foi estudante de Filoloxía Galega. Con este evento dáselle así mesmo continuidade ás lecturas organizadas o curso pasado como froito dunha colaboración entre a facultade e CampUSCulturae.

As ‘Lecturas poéticas en Fonseca’, que terán lugar este mércores 10 ás 19.00 horas na Biblioteca América nun acto público ata completar aforo, naceron coa vontade de consolidar a comunidade de escritores e lectores vinculados á universidade. Nesta edición contará coa presenza de voces recoñecidas da literatura galega contemporánea, que lerán poemas propios e do poeta homenaxeado.

Así, participarán Teresa Moure e Carlos Quiroga, profesores da Facultade de Filoloxía, aos que se sumarán as voces emerxentes de Laura Camino e Gisella Costas, ambas galardoadas no Certame Mazarelos, ou José Carlos Cómitre, membro do persoal de administración e servizos do centro e destacado representante da vizosa tradición da poesía andaluza.

Recitarán asemade dous poetas moi vinculados a Fran Cortegoso: a poeta Olalla Cociña, que obtivo o prestixioso premio de poesía Afundación na súa última edición, e Antón Lopo, novelista e editor do derradeiro libro de Fran Cortegoso. Ao final do acto, a cantante Alba María Rodríguez dialogará musicalmente cos versos do poeta.

O recital emitirase en directo por USC TV que, de ser necesario, fará unha proxección audiovisual no claustro de Fonseca.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.05.2017.