Pasar al contenido principal

Os Premios Ícarus 2025 reafirman a fortaleza da cultura emprendedora na USC

Foto de grupo das persoas premiadas coas autoridades. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo das persoas premiadas coas autoridades. Foto: Santi Alvite
A edición deste ano tivo unha participación histórica, cun total de 90 traballos presentados

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC entregou este martes os Premios Ícarus 2025, unha edición na que resultaron distinguidos un total de 20 traballos pertencentes ás cinco áreas de coñecemento e diferenciados nas categorías de teses de doutoramento e traballos de fin de grao (TFG) e máster (TFM).

O acto, desenvolvido no salón de graos da Facultade de Ciencias da Educación, estivo presidido polo delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero, e nel participaron tamén a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño; a directora xeral de Unirisco, Inmaculada Rodríguez; o subdirector de Ciencias Sociais e Xurídicas da Escola de Doutoramento Internacional da USC, José Miguel Túñez; e a decana de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo.

O Programa Ícarus cumpre este ano a súa terceira edición cunha participación histórica, cun total de 90 traballos presentados, dos que 28 resultaron finalistas. Esta crecente participación no Ícarus reafirma a fortaleza da cultura emprendedora da USC nos campus de Santiago e de Lugo, tal e como puxo de relevo na súa intervención o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, AVTE, José Luis Villaverde, que tamén destacou “o gran nivel” dos proxectos e a alta representación feminina nos galardóns, xa que o 70% das persoas premiadas nesta edición son mulleres.

Teses de doutoramento

Na categoría de teses de doutoramento, recoñeceuse na Área de Artes e Humanidades Berta Álvarez Buylla, que obtivo o primeiro premio pola súa tese Emprendemento Cultural en Galicia do 2000 ao 2024. Na de Ciencias Sociais e Xurídicas, o primeiro galardón foi para César Fieiras Ceide por Intelixencia artificial, innovación e novas tecnoloxías en medios de comunicación públicos e privados, e o segundo premio para Anxela Fernández da Silva por Políticas de eSaúde e equidade en España. Unha oportunidade perdida?.

Na área de Ciencias experimentais, o primeiro premio foi para Cristina González Barreira, pola súa tese Materiais moleculares de lantanoides como imáns e termómetros luminescentes, e o segundo para Andrés Manuel Álvarez Constantino, polo traballo doutoral Catalytic methodologies for the valorization of C2 hydrocarbons and mechanistic studies. En Enxeñería e Arquitectura, gañou Jorge González Rodríguez coa tese Conceptual design, operation and scale-up of photocatalytic processes integrating magnetic nanocomposites for the removal of micropollutants in wastewater, mentres que o segundo posto foi para Carlos Alberto Pena Puga por Liquid systems for the valorisation of lignocellulosic biopolymers.

Xa na área de Ciencias da Saúde, Uxía Yáñez Ramil fíxose co primeiro premio pola tese A ecografía como ferramenta para mellorar a eficiencia reprodutiva no gando vacún e Paula Rodríguez Villamayor co segundo con Características neuroanatómicas e de expresión xénica do sistema olfactivo accesorio do coello. Implicación da comunicación mediada por feromonas no comportamento reprodutivo e na fisioloxía animal. Concedeuse ademais un accésit a Ana Iglesias Mejuto pola tese Development of aerogel-based formulations for regenerative medicine.

TFG e TFM

Na categoría de TFG e TFM, e en concreto na Área de Artes e Humanidades, Noa Rodríguez Rodríguez obtivo o primeiro premio polo traballo Entre a Extinción e a Adaptación. Proxecto expositivo sobre arte e ecoloxía en Galicia e Cristina Huertas Gómez o segundo por Liber Sancti IAcobi. Proposta dun chatbot para divulgar o patrimonio documental do Códice Calixtino a través da IA.

En Ciencias Sociais e Xurídicas, o primeiro premio foi para Ángela Varela García polo traballo Proxecto ‘Raiceiras’: un servizo público de atención á diversidade para crianzas a partir de 6 anos no rural galego, e o segundo para Denise Lobeiras Casal, por Gamificación e Matemáticas, unha combinación gañadora. Na Área de Ciencias, Gabriel Otero Moreira gañou o certame por Análise preditivo de fibrilación auricular en rexistros de ECG, quedando co segundo premio Raquel Romero Lorenzo polo traballo Modelos de crecemento tumoral baixo radioterapia fraccionada.

Na área de Enxeñería e Arquitectura, o primeiro premio foi para Martín Romero Romero, por Deployment of Deep Learning Networks in the Edge using Compression Techniques, e o segundo para María Corredoira Iglesias, por Formulación e caracterización tribológica de nanofluidos de transmisión para vehículos eléctricos.

Por último, as persoas recoñecidas na Área de Ciencias da Saúde foron Sara Míguez Martín polo traballo Fabricación e caracterización de lentes autoadherentes para corrección visual e Mireya Conde Raña, que obtivo o segundo premio por Factores de risco asociados á ideación suicida na poboación adulta en contextos rurais e urbanos.

Ícarus

O Programa Ícarus ten como obxectivo favorecer e impulsar a aplicación social e económica do coñecemento xerado na USC. Para iso, establece premios para Teses de doutoramento e TFG/TFM que estean enfocados á súa aplicación social e económica nas áreas de coñecemento que se imparten na Universidade de Santiago de Compostela. No caso das teses, hai unha dotación económica de 1.000€ para os primeiros premios e 500€ para os segundos, mentres que a dotación nos TFG/TFM é de 800 e 400 euros respectivamente.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.07.2025.