Pasar al contenido principal

A Cátedra Juana de Vega organiza un faladoiro sobre muller e ciencia

Coordinada pola profesora do Departamento de Economía Cuantitativa da USC Xulia Guntín Araujo, a Fundación Juana de Vega en colaboración coa Cátedra Juana de Vega da USC organiza este venres, 1 de febreiro, unha xornada sobre as fendas, teitos e retos que afrontan cada día as mulleres que traballan no eido científico.

O encontro, que se celebrará na sede da Fundación Juana de Vega en Oleiros, ten por obxectivo reflexionar sobre os cambios necesarios para a incorporación real da perspectiva de xénero na ciencia e dar a coñecer a situación actual das mulleres no Sistema de Ciencia e Tecnoloxía, así como as barreiras e os estereotipos que aínda permanecen para poder avanzar en propostas de acción para procurar a igualdade.

Eulalia Pérez Sedeño, filósofa e profesora de investigación do CSIC, será a encargada de iniciar o debate ás 10.00 co título ‘Perspectiva de xénero na ciencia: ciencia feminina?’. Continuará a catedrática de Economía do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Coral del Río falando sobre desigualdade de xénero no sistema de ciencia e tecnoloxía galego e español.

Xa a partir das 14.00 horas, Jorge García Marín, profesor de Socioloxía da USC, presentará o terceiro relatorio, que terá como tema ‘A construción da igualdade de xénero desde a perspectiva masculina’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.01.2019.