Pasar al contenido principal

‘Plantando cara ó lume’, unha aposta da USC para avanzar na sensibilización e na formación contra os incendios

Logo do proxecto 'Plantando cara ó lume' da USC
Logo do proxecto 'Plantando cara ó lume' da USC
Investigadores dos campus de Lugo e Santiago traballan coa Xunta nun proxecto pioneiro liderado por Agustín Merino e orientado a previr e mitigar os efectos do lume

O proxecto de innovación educativa impulsado pola USC e baseado na metodoloxía de aprendizaxe e servizo (ApS) ‘Plantando cara ó lume’ tense convertido xa nun programa transversal a través do que a USC, en colaboración coa Xunta de Galicia, acelera a transferencia de coñecementos e de resultados de investigación en aras a avanzar así na sensibilización social contra os lumes e tamén na mellora da capacitación e formación práctica para loitar contra os incendios e para a posterior recuperación de solos e da vexetación asolada polas lapas.

‘Plantando cara ó lume’ é unha iniciativa xurdida no Campus Terra da USC baixo a coordinación do profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola Agustín Merino. Na súa primeira andaina, este proxecto ApS implicou a diversos investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, a través do coordinador do máster en Dirección de Actividades Educativas da Natureza (DAEN), Eugenio Otero Urtaza, ademais do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, dependente da Xunta de Galicia. A todos eles cómpre sumar os estudantes universitarios que, tras un período de formación previa, trasladaron logo experiencias, proxectos e coñecementos a centros escolares e responsables de comunidades de montes.

A fonda sensibilidade xerada polos múltiples danos persoais, económicos e ambientais provocados polos incendios forestais no territorio, unida á crecente preocupación por “dar resposta e buscar solución a un problema estrutural da sociedade”, en palabras de Merino, redobra os recursos dun proxecto ApS da USC, ao que este ano se incorporan investigadores das facultades de Bioloxía, Económicas e Ciencias da Comunicación, ademais de todos aqueles estudantes interesados en participar nesta sorte de voluntariado universitario.

A vaga de lumes rexistrada nos últimos días en Galicia causou xa efectos dramáticos, pero a súas consecuencias medioambientais poden acentuarse nos vindeiros meses por mor da extensa superficie asolada polas lapas e sobre todo, a causa dos efectos da erosión dos solos coa chegada do inverno e das choivas.

Ante esta situación, Merino entende que o proxecto ‘Plantando cara ó lume’ da USC constitúe unha iniciativa aberta á participación de todas as persoas, a través da que os seus promotores tratan de dar a coñecer a todos os estamentos da sociedade, desde os escolares ata os propietarios e xestores de comunidades de montes, os posibles efectos dos incendios no territorio, ademais de propoñer solucións para minimizar os riscos, así como para rehabilitar os solos e a vexetación das áreas afectadas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.10.2017.