Pasar al contenido principal

A Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica recibe 120 comunicacións científicas na súa vixésima primeira edición

Cartaz da ECSOC-21
Cartaz da ECSOC-21
A ECSOC-21 conectará en rede durante o mes de novembro centos de investigadores de todo o mundo, sinala o grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas da USC

A vixésima primeira edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica (ECSOC-21), un congreso virtual promovido polo grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas (SWT) do Campus Terra da USC, integrado polos profesores do Departamento de Química Orgánica da USC na Facultade de Ciencias Julio A. Seijas e Pilar Vázquez Tato, recibiu xa os resumos de 120 comunicacións científicas de investigadores procedentes de 18 países, uns estudos que serán obxecto de debate e análise nos distintos foros virtuais que se desenvolverán durante o mes de novembro.

O catedrático do Departamento de Química Orgánica da USC e principal impulsor desta conferencia electrónica, pioneira entre as do seu xénero, ademais de presidente do comité científico do mesmo, Julio A. Seijas, subliñou a calidade das comunicacións que ano tras ano se presentan a debate e que logo permanecen accesibles en repositorios de referencia internacional. Asemade, logo de remarcar que a valía das achegas científicas tamén está acreditada polo labor que desenvolven os membros do comité científico internacional, formado por expertos de 21 países, Seijas remarcou que o esquema de desenvolvemento da ECSOC, o congreso virtual que conta cunha traxectoria temporal máis ampla, representa a arquitectura formal do que deberían ser os congresos científicos do século XXI.

Do mesmo xeito que nos últimos tres lustros, desde a sexta edición celebrada en 2002, a USC participa na organización da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica con MDPI (Basel, Suiza). Nesta ocasión, os promotores da ECSOC-21 contan co respaldo da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo, Campus Terra, AMSLab, RSEQ, REGALIS (Rede Galega de Líquidos Iónicos), SES (Universidade De Perugia) e da Deputación da Coruña. A dispoñibilidade destes patrocinadores posibilitan que a inscrición e participación neste congreso en liña sexan gratuítas para os investigadores.

As distintas sesións de debate e análise programados no marco desta conferencia internacional desenvolveranse de xeito virtual a través do espazo web do congreso http://sciforum.net/conference/ecsoc-21 a partir do día 1 e durante todo o mes de novembro. Durante estes 30 días, os químicos e investigadores de países de todo o mundo interesados na temática que aborda a ECSOC 21, teñen unha boa oportunidade para intercambiar e compartir traballos sobre macromoléculas, polímeros, líquidos iónicos, química computacional, síntese iónica por microondas...

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.10.2017.