Nace o Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible da USC

A Universidade de Santiago contará cunha nova estrutura de investigación, neste caso no Campus Terra, logo de que o Consello de Goberno da USC dese o seu visto bo á creación do Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA) e ao seu regulamento de réxime interno.
Este novo centro, con sede na Facultade de Veterinaria e que nace xa cun equipo de 95 investigadoras e investigadores do Campus terra, xurde para abordar os desafíos interconectados en saúde humana e animal, nutrición, produción, tecnoloxía e seguridade alimentarias e sustentabilidade ambiental.
No período 2020-2024 o volume de recursos captados por actividades de I+D e Transferencia dos grupos que conforman este instituto ascendeu a un total de 4 millóns de euros, procedentes principalmente de convocatorias competitivas para a realización de proxectos de investigación, que aglutinan o 51% do financiamento captado (2 M€). Os contratos e convenios suman 1,6 M€, o 41% do total de recursos captados.
Concerto co Sergas
Na mesma xuntanza aprobáronse os termos do concerto entre a USC e o Sergas para garantir a utilización das institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia na docencia e investigación dos estudos curriculares de ciencias da saúde ou especialidades sanitarias impartidos pola universidade, tanto nos estudos de grao coma nos de posgrao ou na formación continuada das e dos profesionais, e sempre que no cadro de persoal estrutural do Sergas exista persoal cualificado para impartir esa formación.
Este concerto coa USC -haberá un con cada Universidade do SUG para as correspondentes titulacións de Ciencias da Saúde- permite avanzar, no caso de Medicina, no proceso de descentralización da docencia de modo que o estudantado deste título poida completar a súa formación clínica na rede asistencial do Sergas. O acordo permite así que a Universidade responsable do título poida ter profesorado alí onde se imparte a docencia descentralizada.
O documento actualiza o asinado en 2001 para adecuarse á nova realidade marcada no acordo de 2015, que establece unha única facultade en Galicia con docencia descentralizada nos últimos cursos, de maneira que se aproveitan así todos os recursos sanitarios de Galicia “para poñelos ao servizo da mellor formación do noso estudantado, que é a peza fundamental neste asunto”, explicou o reitor. De acordo coa situación actual “este é o modelo máis responsable e máis respectuoso e que mellor aproveita todas as capacidades do sistema sanitario galego”, afirmou.
Regulamentos do SUR e de mobilidade
Noutra orde de cousas, para adaptalo ao novo marco normativo, o Consello de Goberno aprobou un novo regulamento do Servizo Universitario de Residencias plenamente orientado ás necesidades do estudantado. En canto á súa estrutura, divídese en dous títulos, un que ten por obxecto a regulación da organización administrativa, fortalecendo a participación do estudantado na súa gobernanza e un segundo que regula o réxime xurídico do acceso polas persoas usuarias, co fin de garantir unha convivencia baseada no respecto, a responsabilidade e o compromiso coa vida universitaria.
Do mesmo xeito, para adecuarse á nova realidade e actualizar o texto do ano 2012, acordouse un novo regulamento de mobilidade que inclúe tanto as novas modalidades como todos os sectores da comunidade universitaria, tanto dentro como fóra do estado español, que poden facer uso dela.
Protocolo actividades deportivas
Na mesma xuntanza, deuse o visto bo ao protocolo de protección das persoas menores de idade en actividades deportivas, de lecer e outras organizadas pola institución, dando mandato así ao establecido na Lei Orgánica 8/2021 de Protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia (LOPIVI).
O protocolo da USC abranguerá todas aquelas actividades da USC nas que participen menores, como as deportivas, de lecer ou de tempo libre pero tamén de educación non formal como STEMbach, Olimpíadas, Programa Estalmat, Verán CampUSC, Programa A Ponte, visitas a centros e xornadas de portas abertas ou proxectos de aprendizaxe-servizo, entre outros.
Outros asuntos
Na que foi a última xuntanza do Consello de Goberno do presente curso aprobouse o recoñecemento de competencias dixitais docentes dos niveis A1 e A2 nos títulos da USC grao en Mestre en Educación Infantil, grao en Mestre en Educación Primaria, grao en Pedagoxía, mestrado en Psicopedagoxía, mestrado universitario en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, FP e Ensino de Idiomas e diploma de especialización en Formación Pedagóxica e Didáctica para Profesores Especialistas en Sectores Singulares da Formación Profesional.
En materia académica e administrativa, acordouse que a Cátedra institucional de Intelixencia Artificial en Ciencias da Saúde pase a chamarse Cátedra de Intelixencia Artificial aplicada á Medicina Personalizada de Precisión e aprobáronse a convocatoria anual de tramitación de titulacións do curso 2025-2026 e o regulamento de TFG do Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras da USC. Xa no referido a persoal, realizouse un cambio de adscrición dun profesor a outra área de coñecemento e modificáronse as RPT de PTXAS laboral e funcionario.
Completaron a orde do día, entre outros asuntos, as memorias de Institutos e Centros Singulares de Investigación, de Plataformas Científico-Tecnolóxicas e de estudos propios así como a incorporación da Universitat de Barcelona (UB) a SIGMA GESTIÓN UNIVERSITARIA A.I.E. (M.P.).