Pasar al contenido principal

O CiMUS descobre un mecanismo que reforza a defensa fronte ao cancro e potencia a acción dun fármaco experimental

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. FOTO: Santi Alvite
O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. FOTO: Santi Alvite
O estudo identifica como a proteína p14ARF permanece activa durante máis tempo nas células, aumentando o seu efecto antitumoral e mellorando a resposta ao tratamento con Pevonedistat
Santiago de Compostela

O grupo ‘Virus and Cancer’ do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) logrou identificar un novo mecanismo de regulación da proteína p14ARF, un factor chave na supresión tumoral. O achado, publicado na revista Cell Death and Disease, podería ter importantes implicacións no tratamento do cancro, ao contribuír a entender os procesos que regulan o crecemento tumoral e potenciar o efecto dun novo fármaco experimental: o Pevonedistat. Esta investigación, cofinanciada con fondos europeos, contou coa colaboración de centros estatais e internacionais, incluíndo o Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB) e o Instituto de Investigacións Biomédicas Sols-Morreale (IIBM) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Madrid, o Centro de Investigación Cooperativa en Biociencias (CIC bioGUNE) de Bilbao, e grupos de investigación en Francia e Canadá.

A proteína p14ARF é un factor da célula encargado de impedir o crecemento tumoral e cuxa presencia en moitos tipos de cancro é baixa. “Neste estudo identificamos un mecanismo que axuda a estabilizar a proteína p14ARF, cuxa presenza está reducida en moitos tipos de cancro. Isto permite á célula defenderse mellor fronte ao desenvolvemento tumoral”, explica a coordinadora do grupo, Carmen Rivas. A investigación demostra que a interacción entre p14ARF e unha pequena proteína modificadora denominada SUMO permite manter niveis elevados de p14ARF nas células durante máis tempo, fortalecendo así a súa acción contra o crecemento tumoral. Ademais, o estudo revela que este proceso actívase en resposta ao tratamento con Pevonedistat, un novo fármaco antitumoral en fase experimental. Segundo os resultados, a expresión de p14ARF potencia a eficacia do tratamento, favorecendo a morte das células cancerosas.

Coñecemento de alto impacto

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes. A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e a innovación terapéutica.

O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está subvencionado pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e cofinanciado pola Unión Europea. 

O equipo de ‘Virus and Cancer’ é o responsable da investigación
O equipo de ‘Virus and Cancer’ é o responsable da investigación
Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.07.2025.