Pasar al contenido principal

Os 60 estudantes dos cursos ‘Galego sen fronteiras’ levan a lingua “canda si” para “espallar o seu coñecemento polo mundo”

Foto de familia do acto de clausura. FOTO: RAG
Foto de familia do acto de clausura. FOTO: RAG
O acto de entrega de diplomas serviu para baixar o pano da trixésimo quinta edición desta iniciativa estival do ILG da USC e da RAG
Santiago de Compostela

A trixésimo quinta edición dos Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ concluíu este xoves 23 coa entrega dos diplomas aos sesenta estudantes procedentes dunha vintena de países de Europa, América e Asia que participaron nesta convocatoria. O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) e a Real Academia Galega coorganizan, dende 1988, esta cita estival, que conta co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, e por cuxas aulas pasaron xa máis de 2.500 estudantes. Tal e como puxo en valor a directora do ILG, Elisa Fernández Rei, “moitos dos estudantes que pasaron polas súas aulas ao longo destes case corenta anos convertéronse en persoal investigador no campo da lingüística ou dos estudos culturais galegos, crearon centros de estudos galegos e, en definitiva, levaron o galego canda si e axudaron a espallar o seu coñecemento polo mundo”.

O catedrático da USC e presidente da RAG, Henrique Monteagudo, salientou, pola súa parte, que o interese que suscita este programa recorda a relevancia do galego. “A presenza de estudantado que vén de todo o mundo, en maior medida doutros países europeos, lémbranos a dimensión internacional da nosa cultura e que é de xustiza que o galego sexa recoñecido como lingua plenamente oficial pola UE, como lle corresponde pola súa historia, a súa riquísima produción literaria e o seu status legal en España”, destacou. Monteagudo e Fernández Rei interviñeron no acto de clausura xunto á directora dos Cursos, a académica María López-Sández; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e mais o filólogo da RAG Vicente Feijoo, en representación do profesorado.

O valor da diversidade

Nesta última edición mergulláronse durante tres semanas na lingua e na cultura galegas estudantes procedentes de Alemaña, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Rusia, Suíza, Ucraína, A China, A India, Uzbekistán, A Arxentina, O Brasil, Colombia, Cuba, os Estados Unidos e México, así como doutras comunidades autónomas de España. A directora dos Cursos destaca a diversidade de perfís do estudantado. Algúns deles son fillos ou netos de galegos para os que volver á lingua e á cultura galegas é “un acto de homenaxe, de restauración da propia memorial persoal”, pero a gran maioría achéganse á lingua galega sen lazos de sangue, movidos polo seu interese nos estudos lingüísticos ou sociolingüísticos, cunha ollada desde a ecolingüística que recoñece o valor que tamén teñen os idiomas minorizados e a propia diversidade, apunta María López-Sández. Nestes cursos o estudantado atopa un espazo que permite ademais “explorar vías para manter vínculos posteriores que poden conectar coa investigación, a tradución ou outros traballos relacionados coa lingua e a cultura galegas”, engade a académica.

O secretario xeral da Lingua sinalou ademais a función dos Cursos no contexto actual marcado polas tecnoloxías da comunicación. “A importancia de proxectar o coñecemento da lingua e cultura propias de Galicia alén das nosas fronteiras adquire cada ano maior sentido, nun mundo cada vez máis conectado e no que o avance das tecnoloxías e a xeración de contornos de voz cada vez facilitan máis a comunicación e as oportunidades de linguas como a galega”, expresou Valentín García.

Pero os Cursos son tamén un espazo de convivencia na diversidade, co galego como eixe, e mais unha oportunidade para as persoas que participan na súa organización, lembraron todos os intervenientes na clausura. “Para nós é un agasallo ter alumnado con tantas ganas de aprender. As persoas que participan nesta experiencia son os folgos que precisamos os profesores de galego, o alento fresco que precisa a nosa lingua, e tamén o revulsivo que remove a conciencia de moitos galegos cando os escoitan falar na radio ou na televisión”, resumiu Vicente Feijoo.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.07.2025.