Pasar al contenido principal

As empresas HG Beyond e Innolact xurdidas na USC recolleron os premios Galicia Spin-Off

Os/as premiados xuntos coas autoridades que asistiron ao acto en Feuga. Foto: GCiencia
Os/as premiados xuntos coas autoridades que asistiron ao acto en Feuga. Foto: GCiencia

As empresas HG Beyond e Innolact, ambas as dúas spin-offs da Universidade de Santiago, recolleron este luns na sede de Feuga os premios que anualmente convocan Pastor e o portal Gciencia para distinguir os proxectos empresariais máis relevantes vinculados ás universidades galegas.

No apartado Selo de Calidade, que recoñece as traxectorias máis consolidadas, a gañadora deste edición foi Innolact, unha compañía que naceu como unha spin-off da USC en 2006 e que ao longo destes anos tivo unha importante traxectoria internacional que lle permitiu levar os seus produtos derivados do leite, a través principalmente da marca Quescrem, aos cinco continentes e a máis de 30 países. A innovación foi un factor determinante na súa evolución e a empresa dispón dun departamento propio de I+D+I, en constante colaboración co Centro Tecnolóxico Lácteo de Lugo (CTLácteo) e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).

No apartado de Idea Emerxente, que premia a iniciativa máis innovadora desenvolvida nos últimos anos, a gañadora foi HG Beyond, creada en 2015, que desenvolve hidroxeles de última xeración capaces de captar e liberar sustancias de xeito controlado. Entre as súas aplicacións destaca o campo oftálmico, no que HG Beyond produciu unha lente de contacto de alto valor engadido que serve para a administración de fármacos e sustancias activas na superficie ocular. A investigación na que se basea a lente está protexida por patentes en Europa, Xapón e Estados Unidos.

Na cerimonia de entrega, á que pola USC acudiu o adxunto ao reitor en Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manel Cotos, participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o reitor da Universidade de A Coruña, Julio E. Abalde, e o director xeral de Banco Pastor, Fernando Merino.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.10.2017.