Pasar al contenido principal

O ciclo de conferencias Luis Asorey García afondará sobre os posibles efectos do cambio climático no sector agrario en Galicia

Cartaz da nova edición do ciclo de conferencias Dr. Luis Asorey García
Cartaz da nova edición do ciclo de conferencias Dr. Luis Asorey García
O catedrático da USC e académico Antonio Rigueiro abre o 13 de novembro no Pazo de San Marcos a quenda de relatorios do programa da Real Academia Galega de Ciencias

O cambio climático e a súa posible incidencia no sector agrario en Galicia centra a temática sobre a que versarán os distintos relatorios do ciclo Luis Asorey García, un programa formativo e de divulgación organizado pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa USC e a Deputación Provincial de Lugo que se desenvolverá no lugués Pazo de San Marcos do 13 ao 22 de novembro.

O catedrático da USC e académico Antonio Rigueiro Rodríguez ofrecerá o 13 de novembro o relatorio inaugural deste ciclo cunha intervención na que abordará a planificación dun barrio multiecolóxico como modelo de resilencia urbana, contemplada entre as accións do proxecto Life Lugo+Biodinámico. ‘Evolución do clima en Galicia. Evidencias e escenarios futuros’ é o título da conferencia que ofrecerá ao día seguinte no no Pazo de San Marcos o catedrático do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

A incidencia do cambio climático na agricultura en Galicia e tamén na súa gandería e na sanidade animal, así como os efectos apreciados ou futuros na produción forestal en Galicia, constitúen os temas sobre os que tratarán respectivamente no marco deste ciclo os profesores da USC Francisco Sineiro, Pablo Díez Baños e Roque Rodríguez Soalleiro.

Unha mesa redonda sobre cambio climático e biodiversidade, na que intervirán como relatores os profesores e investigadores da USC Manuel Antonio Rodríguez Guitián, Augusto de Castro Lorenzo e Julián Alonso, será o preludio do epílogo desta nova edición do ciclo de conferencias Dr. Luis Asorey García, un foro que pechará o 22 de novembro a directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia, María Cruz Ferreira Costa, cunha exposición sobre a estratexia galega de cambio climático e enerxía.

As persoas interesadas en participar como asistentes neste ciclo, un programa recoñecido pola Xunta de Galicia como actividade formativa para profesorado non universitario, poden formalizar de xeito gratuíto e ata o 3 de novembro a súa solicitude no rexistro da Deputación Provincial de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.10.2017.