A Academia de Farmacia de Galicia inaugura o seu curso 2019
A profesora e académica Maribel Cadavid Torres pronunciará o discurso de apertura do curso 2019 da Academia de Farmacia de Galicia co título ‘Evolución da Farmacoloxía: mirar ao pasado para predicir o futuro’. Será no transcurso dunha sesión este mércores 30 a partir das 19.00 horas na sede do antigo Hospital de San Roque de Santiago.
No transcurso deste acto protocolario, Daniel Gómez Costas recibirá o premio Antonio Casares, patrocinado polos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia, ao mellor expediente académico do grao de Farmacia correspondente á promoción que finalizou os seus estudos en 2018 na USC.
Na mesma xornada tamén se entregará o premio de investigación da Academia ‘Julián Francisco Suárez Freire’, dirixido a investigadores menores de 35 anos que teñan publicado durante o pasado ano un traballo orixinal realizado nunha institución galega sobre un tema relacionado co medicamento dende as súas fases temperás de I+D ata a cadea de distribución. Nesta ocasión recibirao Andrés Silva Candal, do IDIS, ademais dun accésit de excelencia á investigadora da USC Jessica González Sánchez por un estudo de novas alternativas no tratamento da distrofia muscular de Duchenne publicado pola prestixiosa revista Journal of Cachexia, Sarcopenia and Muscle.