Pasar al contenido principal

Investigadores de Bioloxía propoñen unha terapia de calor para eliminar virus en plantas in vitro de variedades galegas de maceira e pereira

Analí Lizárraga é investigadora do grupo de Biotecnoloxía da USC
Analí Lizárraga é investigadora do grupo de Biotecnoloxía da USC

A biotecnoloxía aplicada mediante o cultivo in vitro permitiu erradicar os virus Apple chlorotic leaf spot virus (ACLSV) e Apple mosaic virus (ApMV) en plantas de sete variedades tradicionais en Galicia de maceira e dúas de pereira. Concretamente trátase das varidades Cacharela, Camoesa, Gravillán, José Antonio, Ollo mouro, Príncipe grande e Repinaldo, e as de pereira Barburiña e Manteca oscura. O traballo de Analí Lizárraga Farfán na súa tese de doutoramento deseñou un novo protocolo que aplica a terapia de calor, con gradiente de temperatura, seguida de illamento de ápices meristamáticos a brotes de maceira e pereira cultivados in vitro. En opinión da investigadora é unha técnica que podería ser utilizada con outros cultivos froiteiros ou con outro tipo de plantas.

A investigación achega novas solucións nun ámbito de grande importancia xa que, como lembra a investigadora, as enfermidades por virus atópanse entre as máis dañinas que afectan ás froiteiras e as que producen máis perdas. Para o desenvolvemento da investigación e mediante un convenio co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Analí Lizárraga tivo acceso a unha colección formada por 330 e 131 variedades de maceira e pereira, respectivamente, infectadas por ambos tipos de virus. Ademais, no ámbito fitosanitario é preciso cumprir coa normativa da European Plant Protection Organization (EPPO) segundo a que ambas especies deberán estar certificados como libres de virus para ser propagados, comercializados e almacenados como xermoplasma para a conservación do mesmo e a da biodiversidade.

Por vez primeira, a investigadora da USC realizou un estudo de metaxenómica nestes cultivares de froiteiros chegando a identificar o microbioma bacteriano interno de cada un deles. O coñecemento do microbioma interno “abre novas vías de investigación para comprender mellor a relación existente entre o hóspede e os microorganismos e o papel que desempeñan na vida da planta” detalla a doutora Lizárraga Farfán. Na súa opinión “a presenza de bacterias endófitas nas plantas cultivadas in vitro xoga un papel que ata agora non é coñecido nin suficientemente estudado”. Neste senso, dispor de material in vitro para o seu estudo facilitou a análise do ARN16S das bacterias endófitas feito en colaboración coa doutora Ana Otero do Departamento de Microbioloxía da USC.

A investigación dirixiuna a profesora María Luz González Caamaño pertencente ao grupo de Biotecnoloxía e coordinadora do grupo dedicado a Biotecnoloxía da Conservación da USC. Ademais, parte dos resultados obtidos publicáronse en dous artigos en American Journal of Plant Science xunto co doutor Javier Ascasíbar do CIAM e a doutora Marga Fraga de Cultigar. A tese foi cualificada coa máxima cualificación de sobresaliente cum laude. O tribunal que a avaliou presidiuno o catedrático de Fisioloxía Vexetal da Universidade de Valencia, Juan Segura García del Río; e integrábano ademais a investigadora do CSIC Nieves Vidal Álvarez e o catedrático de Fisioloxía Vexetal da USC Ignacio Zarra Cameselle.

Analí Lizárraga
Analí Lizárraga Farfán (Cusco, 1986) cursou Enxeñaría Agrónoma na Universidade Nacional de San Antonio Abad do Cusco e en 2010 trasládase a España para continuar a súa formación profesional realizando o máster de Biodiversidade e conservación do medio natural na Facultade de Bioloxía da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2017.