Pasar al contenido principal

A Comisión de Normalización Lingüística da EPS de Enxeñaría cita esta tarde a 30 persoas nunha camiñada pola ribeira do Miño

Cartaz da camiñada polas ribeiras do Miño
Cartaz da camiñada polas ribeiras do Miño
Os profesores Ana Cabana e Manuel Antonio Rodríguez Guitián actuarán como guías da expedición, que partirá ás 16.00 horas na pasarela sobre a N-VI

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC citará este tarde arredor de 30 persoas na camiñada organizada pola ribeiras do río Miño, unha expedición na que participarán como guías Manuel Antonio Rodríguez Guitián, profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, e Ana Cabana Iglesia, profesora do Departamento de Historia da USC.

As ribeiras do Miño son un espazo moi interesante a nivel biolóxico (paisaxes agrícolas, vexetación de ribeira, aves acuáticas, pequenos mamíferos, réptiles e anfibios...), pero tamén desde o punto de vista histórico e antropolóxico. Séculos de actividade humana nas súas beiras e no seu leito foron deixando unha pegada en forma de aceas, lavadoiros, caneiros... que revelan a importancia que o río tiña para a vida da cidade, se somos quen de entender os sinais que transmiten.

A camiñada organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da EPS de Enxeñaría de Lugo polas ribeiras do río Miño presenta un nivel de dificultade baixo. A expedición de camiñantes partirá ás 16.00 horas desde a pasarela de madeira que conecta a sede universitaria luguesa co paseo do Miño, lugar ao que regresarán todos os camiñantes arredor das 20.00 horas, unha vez completado o recorrido deseñado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.