Pasar al contenido principal

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC acolle este venres a entrega de premios aos gañadores da D3Mobile 2017

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC acollerá este venres, a partir das 16.30 horas, no salón de actos do centro, a gala de entrega de premios da quinta edición do D3 Mobile Metrology World League, un campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil promovido polo grupo Cigeo da USC e en cuxa organización tamén colaboran diversas entidades, institucións e empresas.

O acto de entrega de premios da cuarta edición desta experiencia educativa de aprendizaxe STEM e divulgación científica no ámbito escolar reunirá na EPSE do campus de Lugo aos responsables académicos do proxecto, así como a representantes das distintas entidades, institucións e empresas que patrocinan ou colaboran co desenvolvemento da D3Mobile Metrology World League, entre as que figuran o Instituto Xeográfico Nacional, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Concello de Lugo, Fundación Vodafone España, Fundación Barrié, Fundación Comforp, a Sociedade Latinoamericana de Ciencia e Tecnoloxía, empresas como Universia, revista Educación 3.0 ou a multinacional española BQ, ademais de asociacións de pais de alumnos, sindicatos e, entre outros, centros educativos.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial Pilar García Porto; o director do Servizo Rexional do Instituto Xeográfico Nacional, Pablo Carballo; o subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación de Profesorado, Manuel Vila; a coordinadora do grupo de investigación Giceo da USC, Mariluz Gil Docampo, e o tamén profesor na EPSE e director do proxecto D3mobile, Juan Ortiz, tamén intervirán na cerimonia de entrega de premios de D3Mobile2017.

A cerimonia de entrega de premios deste campionato internacional de modelado 3D con teléfono móbil tamén citará no Campus Terra da USC representantes dos equipos gañadores nas diversas categorías do certame procedentes de Granada, Valencia, A Guarda, Fene, Ferrol, Viveiro ou A Coruña, entre outros. Algúns dos equipos estranxeiros que tamén resultaron galardoados tomarán parte na sesión a través de videoconferencia ou mediante vídeos realizados con antelación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.10.2017.