Pasar al contenido principal

O SEPIU abre o período de citas para a valoración das adaptacións curriculares do estudantado con discapacidade

En función das necesidades de cada estudante, a USC ofrécelle os apoios de carácter académico ou técnicos necesarios, sempre de carácter personalizado e segundo a súa diversidade. FOTO: Santi Alvite
En función das necesidades de cada estudante, a USC ofrécelle os apoios de carácter académico ou técnicos necesarios, sempre de carácter personalizado e segundo a súa diversidade. FOTO: Santi Alvite
Mentres que no curso 2022-2023 foron atendidos 126 estudantes, no 2023-2024 o número ascendeu a 202 e no pasado curso, a cifra chegou a 261

A Área de Inclusión do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) da USC acaba de abrir o período de citas para realizar as valoracións das adaptacións curriculares do estudantado con discapacidade e/ou necesidades específicas de apoio educativo. En función das necesidades de cada estudante, a USC ofrécelle os apoios de carácter académico ou técnicos necesarios, sempre de carácter personalizado e segundo a súa diversidade. No plano académico, logo dunha entrevista persoal, defínense as adaptacións curriculares a aplicar en cada caso.

“De acordo cos principios de igualdade de oportunidades, as adaptacións son axustes razoables para afrontar os retos de aprendizaxe en condicións semellantes ao resto do estudantado, sen que iso deba supoñer unha diminución do nivel académico esixido”, explican dende o SEPIU da USC. De feito, o número de estudantes que solicita o apoio do Servizo vai aumentando de curso a curso. Mentres que no 22-23 atendéronse 126 estudantes, no 23-24 o número ascendeu a 202 e no pasado curso 24-25, a cifra chegou a 261, polo que neste ano académico “espérase un incremento importante das solicitudes”, engaden.

As solicitudes de adaptacións poden enviarse a través do formulario dispoñible no web ou na secretaría virtual. Na solicitude debe indicarse as materias do primeiro semestre e o profesorado que coordina cada materia. As materias do segundo semestre deberán confirmarse, necesariamente, durante o mes de xaneiro. No caso de realizar unha modificación de matrícula é preciso informar ao SEPIU da necesidade de comunicar as adaptacións ao profesorado da nova materia. Para resolver as dúbidas, antes de facer a solicitude, pode reservarse unha cita por teléfono ou a través da aplicación de reservas, no apartado de tramitación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.08.2025.