Pasar al contenido principal

Unha xornada en Dereito abordará o impacto da robotización e a introdución da intelixencia artificial na empresa e a administración

A xornada ‘ Retos actuais das novas tecnoloxías na empresa’ analizará o impacto da robotización e a introdución da intelixencia artificial na empresa e a administración. En opinión do equipo promotor deste encontro “atopámonos ante un proceso global e acelerado que obriga a ofrecer unha resposta activa ante os retos e efectos xerados”. A tendencia actual, engaden, apunta ao desenvolvemento de “máquinas intelixentes e autónomas con capacidade para ser adestradas, para pensar e tomar decisións de xeito independente”.

O programa, a desenvolver o 31 de outubro de 9.30 a 14.00 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito, está organizado arredor de tres bloques temáticos: industria 4.0 e robotización, aspectos laborais e administrativo e aspectos fiscais das novas tecnoloxías, a industria 4.0, a automatización e a intelixencia artificial. O conxunto de intervencións deseñados pretende fomentar a análise dende a perspectiva xurídica polos efectos da temática nos mercados, as empresas e os axentes implicados, en particular o dos traballadores/as e as administracións.

Os equipos de investigación implicados no desenvolvemento da xornada analizarán especialmente as perspectivas xurídicas, laboral, administrativa, mercantil e fiscal do proceso, “polo que o obxectivo da xornada é impulsar o debate e o diálogo cos distintos actores aos que afecta a denominada 4ª revolución industrial. Esta é unha iniciativa organizada no marco das actividades do GPC-ED431B-2016 e ED431D 2017/19 do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.10.2017.