
Baixo o lema ‘Formar hoxe ao médico do mañá’, a asociación estudantil Comunidade Médica en Formación (CoMeF) organiza o Congreso Internacional de Medicina Clínica (CIMEC), a desenvolver os días 3 e 4 de outubro na Cidade da Cultura.
O evento preséntase como un espazo de encontro entre persoal profesional consolidado e novas xeracións, onde a aprendizaxe práctica e a innovación son protagonistas. Reunirá entre 600 e 700 estudantes, médicos e médicas internas residentes e profesionais sanitarios de todo o país, xunto a persoal experto nacional e internacional de referencia, para debater sobre os principais retos da medicina clínica actual.
O programa inclúe dez relatorios maxistrais de especialistas recoñecidos en varias áreas da medicina clínica, como Mariano Barbacid, Manel Puig, Josep Brugada, Jorge Quiroga, Raquel Blasco, Ángel Carracedo, Verónica Casado, Miguel Sanmamed, Michel Kahaleh e Magda Campins. Ademais, haberá obradoiros prácticos e hands-on en ámbitos como ecografía clínica, RCP e urxencias, comunicación de malas noticias, manexo de vías aéreas ou simulación clínica, e sesións científicas con comunicacións orais e pósteres, abertas a estudantes e residentes, con premios aos mellores traballos.
A inscrición está aberta cun custo de 30 € ata o 14 de setembro e de 35 € a partir do 15 de setembro. Máis información e inscricións: cimec.comefgalicia.es.