Pasar al contenido principal

A Estación Científica do Courel celebra este sábado unha nova xornada de iniciación á micoloxía

A Estación Científica do Courel celebrará este sábado 21 de outubro unha nova xornada de iniciación á micoloxía centrada na diferenciación entre cogomelos comestibles e velenosos. As distintas actividades formativas e de divulgación programadas no marco desta xornada micolóxica, que xa vai pola quinta edición, comezarán ás 9.30 horas e prolongaranse en quenda de tarde.

O programa desta xornada sobre cogomelos comestibles e velenosos, un foro recoñecido pola Xunta de Galicia como actividade formativa do profesorado non universitario, comezará cun relatorio de achegamento ao mundo da micoloxía a cargo de Juan Luis Fernández Lorenzo, profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra.

As principais características que diferencian as especies comestibles das velenosas centrará a intervención do catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, que pechará o programa matinal.

Xa en quenda de tarde, unha saída ao monte para identificar e recoller cogomelos baixo a guía do presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, servirá de colofón desta xornada de iniciación á micoloxía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.10.2017.