
A artista Amabel Míguez de la Sierra expón na Igrexa da Universidade a mostra 'Abuso' que se inaugura o mércores 17 de setembro ás 12.30 horas nun acto que preside a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias. A creadora presenta, nesta ocasión, unha obra en papel, maioritariamente debuxo, en ocasións de gran formato, que lle permite combinar unha técnica tan basal como é o debuxo cun tratamento temático e compositivo orixinal.
A mostra
"A sociedade actual parece rexerse pola lei do abuso: abuso social, sexual, ritual, familiar, físico… Este abuso, ese sobrepasamento agresivo, maniféstase en situacións de todo tipo que non sempre son entendidas como extralimitación ou exceso. A reflexión de Amabel Míguez céntrase nesta ocasión nos máis evidentes abusos á infancia, ás veces pouco disimulados nas relacións de poder ou mesmo sexuais. E tamén nos abusos sociais que xorden en ocasións aparentemente pouco comprometidas: unha festa familiar, unha voda, unha celebración. O abuso aí xa non é un protagonismo persoal senón que resulta excesivo no propio tratamento da situación. Os excesos celebrativos que hoxe en día padece a sociedade deste tempo resultan completamente abusivos para quen os padece de maneira directa, pero tamén para aqueles que quixeran participar da mesma celebración e quedan excluídos pola súa situación social e económica: un abuso in absentia", explican desde a organización.
Amabel Míguez, nunha senda ás veces perturbadora, irónica e pouco amable que pode recordar a Paula Rego ou á artista chinesa Yu Hong, pon en evidencia as contradiccións sociais que se esconden nun comportamento visto como socialmente correcto e plausible. O contido individual de cada peza, cargada de valores non sempre evidentes, afastan estes debuxos dunha falsa imaxe ilustradora necesitada dun discurso explicativo auxiliar.
A mostra pode verse ata o 31 de outubro de 2025, en horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.
