Pasar al contenido principal

O máster en Dirección de Proxectos do Campus Terra da USC capta en Latinoamérica máis da metade do alumnado

Alumnado inscrito na décima edición do máster en Dirección de Proxectos da USC
Alumnado inscrito na décima edición do máster en Dirección de Proxectos da USC
Máis da metade da matrícula corresponde a titulados universitarios procedentes de Brasil, Ecuador, Colombia e México

O máster en Dirección de Proxectos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC bota a andar a súa décima edición cun total de 16 persoas inscritas, na súa maioría enxeñeiros xa titulados, e coa particularidade de que máis metade do seu alumnado procede de países de América Latina –Brasil (3), Ecuador (3), Colombia (2) e México (1)-, onde este máster universitario da USC xa se ten consolidado como un posgrao de referencia para os seus titulados.

Estruturado en 60 créditos ECTS, o máster en Dirección de Proxectos da USC é un programa oficial de posgrao que xa conta cunha traxectoria consolidada e que, como proban as estatísticas de matrícula, segue a manter un alto grao de interese entre o estudantado estranxeiro e tamén entre os titulados doutras universidades. Así, ademais dos 9 estudantes procedentes de Hispanoamérica, nesta edición do posgrao tamén formalizaron a súa inscrición outras catro persoas que non completaron a súa formación de grao da USC.

As áreas de coñecemento das que proceden os estudantes da décima edición do Máster en Dirección de Proxectos do Campus Terra da USC son moi diversas. Así, entre os novos matriculados hai titulados en enxeñaría civil, enxeñaría industrial, arquitectura, administración, economía, informática, turismo deseño de interiores e mesmo Psicoloxía.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o coordinador deste máster oficial, o tamén profesor na EPS de Enxeñaría Carlos Amiama Ares; a deputada provincial responsable da da área de Promoción económica e social , emprego, benestar e igualdade, Sonsoles López Izquierdo, Sonsoles López Izquierdo, e a secretaria académica da EPS de Enxeñaría Montserrat Valcárcel foron os encargados de dar a benvida ao novo alumnado deste posgrao universitario, un programa cuxos contidos formativos abranguen as áreas de coñecemento recoñecidas polas dúas organizacións internacionais líderes neste campo: o Project Management Institute (PMI) e a International Project Management Association (IPMA).

Respecto da matrícula de estudantes rexistrada nesta edición do posgrao, o coordinador do máster en Dirección de Proxectos da USC, Carlos Amiama, salientou a alta probabilidade de que aumente o número de inscritos nas vindeiras datas, unha vez que os novos graduados e graduadas en Enxeñaría Civil superen a convocatoria de setembro para a presentación e defensa do seu Traballo de Final de Grao (TFG).

De esquerda a dereita, Montserrat Valcárcel, Javier Bueno, Sonsoles López e Carlos Amiama, na presentación do máster

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.09.2017.